O CIM volve visibilizar a ciencia mariña con voz de muller na III edición do concurso Marie Tharp

O CIM volve visibilizar a ciencia mariña con voz de muller na III edición do concurso Marie Tharp

O prazo límite de envío de candidaturas é o 15 de xaneiro. O certame está dotado cun premio de 1000 euros para cada unha das categorías: predoutoral e postdoutoral junior

A Comisión de Igualdade e Sostibilidade do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) convoca a terceira edición do concurso “Marie Tharp”, dirixido a mulleres investigadoras vinculadas ao centro. O certame consta de dúas categorías: predoutoral e postdoutoral junior, e está dotado cun premio de 1000 euros por cada unha delas para adquisición de material informático ou para a asistencia a congresos.

A iniciativa recibe o nome da cartógrafa oceanográfica e xeóloga mariña Marie Tharp, coautora do primeiro mapamundi do relevo submarino. A súa cartografía da dorsal Mesoatlántica e doutros trazos fisiográficos submarinos singulares contribuíron significativamente á demostración da teoría da tectónica de placas e a deríva continental.

As investigadoras interesadas deberán gravar un vídeo dunha duración máxima dun minuto contando brevemente e de forma sinxela en que traballan e cal é o motivo, os obxectivos, o plan de traballo, os  resultados ou impacto da súa investigación. O vídeo deberá ser enviado cun enlace para a súa descarga antes do 15 de xaneiro de 2025 a cim@uvigo.gal.

A presidenta da Comisión de Igualdade e Sostibilidade do CIM, Ana Bernabeu, destacou que “a nosa misión é apoiar e motivar ás investigadoras mozas para que continúen o seu camiño e consoliden a súa posición, eliminando as barreiras de xénero na ciencia, de aí a necesidade de seguir impulsando este tipo de iniciativas”. Así mesmo, anima ás mozas investigadoras do CIM a manter a súa paixón e a participar na iniciativa que “dará visibilidade ao seu traballo e á súa visión do mesmo, ofrecendo un plus a toda a investigación mariña que se está realizando”.

Anteriores gañadoras

Na primeira edición a peza audiovisual de María Alborja Valado, da categoría predoutoral, explicaba o seu traballo no ámbito da optimización da alimentación das especies criadas en acuicultura para mellorar o benestar animal e, por tanto, o rendemento destas explotacións proveendo ao consumidor dun produto seguro, sano e sostible. Por outro lado, Sara Gamboa Jurado-Centurión presentou un vídeo na categoría postdoutoral onde mostraba a relación entre os procesos macroevolutivos e a súa relación cos cambios climáticos e a peza de Iria García Moreiras, que obtivo mención especial, afondaba na distribución de microalgas en ecosistemas costeiros, o que ten gran relevancia para os ecosistemas mariños e para o clima global.

No seguinte ano, o vídeo de Estefanía Pereira foi o gañador da categoría predoutoral e centrouse nun tema de grande actualidade como é a contaminación por microplásticos, mentres que Sara Comesaña gañou a categoría postdoutoral explicando con imaxes o seu traballo no ámbito da sostibilidade da acuicultura a través do estudo da viabilidade de novos ingredientes para pensos de rodaballo. Tamén houbo unha mención especial para o vídeo de Elisa Osorio, no que afondaba tamén na acuicultura pero, no seu caso, sobre control parasitario en cultivos de ourizo de mar co obxectivo de desenvolver este sector en Galicia.

Fonte: DUVI