No marco do proxecto Climarest, financiado pola UE con 8,5 millóns de euros. Agárdase que a contorna rochosa facilite o seu asentamento e supervivencia
Un equipo de científicas e científicos do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, e da Universidade de Alacante liberou este martes á zona intermareal da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla 300 exemplares de lumbrigantes xuvenís (Homarus gammarus) de entre 4 e 8 centímetros de lonxitude, unha acción dirixida a iniciar a restauración e repoboación desta especie na ría de Vigo. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do proxecto Climarest, un traballo, financiado pola Unión Europea con 8,5 millóns de euros, dirixido á creación de ferramentas e posta en marcha de experiencias que contribúan á restauración dos ecosistemas costeiros nunha área que abrangue desde Svalbard, no océano Ártico, ata a illa de Madeira.
A liberación, realizada coa colaboración do Instituto Galego de Formación en Acuicultura, Igafa, levouse a cabo durante a marea baixa nunha contorna rochosa con múltiples fendas, “ideal para o asentamento dos xuvenís”, segundo indicou o equipo de investigadores que participan nesta experiencia, baixo a dirección do catedrático Jesús Souza Troncoso, do grupo de investigación de Ecoloxía Costeira, EcoCost do CIM.
A elección desta contorna, próxima á Ecimat, facilitará, así mesmo, o seguimento posterior dos xuvenís, ao tempo que ofrece numerosas oportunidades educativas e de comunicación científica. Nesta liña, os responsables na Universidade de Vigo deste proxecto recalcan que este espazo intermareal rochoso, “con abundancia de fendas”, favorece claramente a súa supervivencia. “Ademais, a implicación dunha trintena de alumnas e alumnos de Igafa neste proceso non só fomenta a súa formación en repoboacións e conservación mariña, senón que tamén promove a divulgación científica e o seguimento cidadán”. Por outra banda, a accesibilidade do lugar facilita a realización de observacións periódicas coas que poder avaliar o éxito da restauración, “contribuíndo á conservación e o manexo da especie”.
Exemplo para futuros proxectos de restauración mariña
O principal obxectivo desta iniciativa é contribuír á recuperación das poboacións locais de lumbrigantes. Para conseguilo vixiarase o comportamento dos xuvenís tras a súa liberación, analizando a súa capacidade para utilizar a contorna rochosa, incluíndo a busca de refuxios nas fendas, o que axudará a determinar a idoneidades deste hábitat para futuras repoboacións. “Trátase de probar e documentar unha metodoloxía de repoboación e seguimento de xuvenís que poida ser aplicada en futuros proxectos de restauración mariña, tanto en Galicia coma noutras áreas costeiras”, salientan desde o proxecto.
Xuvenís con xenética de exemplares adultos das Rías Baixas.
Os exemplares liberados foron criados no Igafa en cestas comerciais mergulladas baixo instalacións de cultivo de bivalvos durante un período de 6 a 14 meses, alcanzando unha lonxitude total de 4 a 6 cm. Neste senso, o equipo científico do CIM explica que a xenética dos xuvenís liberados provén de exemplares adultos das Rías Baixas, “o que asegura a súa adaptabilidade e compatibilidade ecolóxica coa contorna da liberación”, un enfoque que permite manter a continuidade xenética local e garantir unha maior resiliencia no seu proceso de asentamento.
Debido ao reducido tamaño dos lumbrigantes liberados, o seguimento a longo prazo realizarase mediante observacións visuais directas, sempre que as condicións climáticas e loxísticas o permitan. O obxectivo deste seguimento será recompilar datos sobre a súa adaptación á contorna, avaliando a súa capacidade para atopar refuxio nas fendas. Ademais, porase especial atención en observar o seu comportamento nas primeiras horas e días posteriores á liberación, polo que se realizarán visitas periódicas para verificar a súa presenza e progresión.
Un proxecto no que participan sete países europeos
No proxecto Climarest, Coastal Climate Resilience and Marine Restoration Tools for the Arctic Atlantic basin, participan case unha vintena de institucións de sete países europeos: Noruega, Francia, Dinamarca, Irlanda, Italia, Portugal e España. Desde decembro de 2022 e ata novembro de 2025 traballan de maneira coordinada no desenvolvemento de ferramentas deseñadas para servir de guía cara á restauración dos ecosistemas e o aumento da resiliencia nos climas costeiros.
Desde España participan no proxecto a Universidade de Vigo, a través do grupo Ecocost do CIM, con Jesús Souza Troncoso, como investigador responsable; e as universidades de Málaga e Alacante. Esta experiencia de repoboación de lumbrigantes correu a cargo dun equipo de persoal investigador e técnico composto polos investigadores da Universidade de Vigo Jesús Souza Troncoso e Paula Dabán Losada, xunto con Laura Leyva Díaz, Pablo Sánchez Jerez e Estela Carbonell Garzón, da Universidade de Alacante.
Fonte: DUVI