CIM e Clúster da Acuicultura utilizan as novas tecnoloxías para garantir o benestar animal no sacrificio do linguado senegalés

CIM e Clúster da Acuicultura utilizan as novas tecnoloxías para garantir o benestar animal no sacrificio do linguado senegalés

Este procedemento xa foi aplicado con éxito desde a UVigo co rodaballo. Ofrecen unha maior precisión na avaliación das respostas cerebrais e cardíacas dos peixes

 

O grupo de Fisioloxía de Peixes do  Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura, Cetga, acaban de pór en marcha un proxecto de investigación dirixido a mellorar as prácticas de atordamento na captura do linguado senegalés, asegurando o benestar animal mediante e implementación de novas tecnoloxías coas que garantir a inconsciencia e insensibilidade do peixe antes do sacrificio, un aspecto considerado como fundamental, tanto para cumprir cos requisitos legais como para reforzar os estándares éticos do sector.

Denominado Avaliación de diferentes metodoloxías de atordamento do linguado senegalés aplicando tecnoloxías electrofisiolóxicas innovadoras, Leteeleg, o proxecto está cofinanciado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e Acuicultura, FEMPA.

Tecnoloxías que superan as limitacións das ferramentas tradicionais

Para lograr o seu obxectivo o equipo do proxecto empregará tecnoloxías electrofisiolóxicas avanzadas para medir de maneira precisa o grao de consciencia e benestar do linguado. Estas tecnoloxías, que xa foron aplicadas con éxito polo grupo da Universidade de Vigo que dirixe o catedrático de Fisioloxía Animal Jesús Míguez en proxectos previos como Roteleeg Aquafreeze co rodaballo, ofrecen unha maior precisión na avaliación das respostas cerebrais e cardíacas dos peixes.

Durante o desenvolvemento do proxecto, analizaranse varios protocolos de atordamento, estudando o comportamento dos peixes e rexistrando as súas respostas electrofisiolóxicas, o que permitirá unha avaliación máis obxectiva e fiable. Ademais, avaliaranse parámetros fisiolóxicos clave que contribuirán a mellorar a efectividade e o respecto polo benestar animal no proceso.

O atordamento previo ao sacrificio non só é un requisito legal, senón tamén un paso necesario para asegurar o benestar dos peixes durante todo o proceso. Con todo, segundo explican os responsables do proxecto, as ferramentas tradicionais presentan limitacións á hora de verificar de maneira efectiva a inconsciencia e o benestar animal. Co uso de técnicas avanzadas electrofisiológicas,  o equipo de traballo do CIM e do Cetga pretende superar estes desafíos e establecer novos estándares para o manexo e sacrificio de peixes en acuicultura.

Importancia de garantir o benestar en todo o ciclo de vida

Este proxecto representa, a xuízo dos seus impulsores, un avance significativo no compromiso do sector acuícola coas prácticas máis éticas e responsables, garantindo produtos de alta calidade que reflicten unha produción sostible e respectuosa co medio ambiente e o benestar animal, nesta liña, desde Cetga fan fincapé en que os consumidores poden confiar en que os produtos derivados da acuicultura non só cumpren cos máis altos estándares de calidade, senón que tamén respectan de maneira rigorosa o benestar dos peixes en todo o seu ciclo de vida.

Fonte: DUVI