A investigadora do CIM Noela Sánchez obtén o recoñecemento do Programa de Retención de Talento da UVigo

A investigadora do CIM Noela Sánchez obtén o recoñecemento do Programa de Retención de Talento da UVigo

O Programa de Retención de Talento da Universidade de Vigo permitirá este ano darlle continuidade no Centro de Investigación Mariña (CIM) a Noela Belén Sánchez Carnero. Trátase dun recoñecemento obtido xunto a outras catro investigadoras e dous investiagdores María Zambrano da UVigo “que demostraron ter un nivel investigador excelente e que grazas a esta iniciativa poderán continuar nos seus grupos esa traxectoria”, tal e como destaca a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.

A vicerreitora defende a continuidade dun programa que poucas universidades españolas conservan pero que, ao seu modo de ver, permite dar continuidade ao persoal investigador doutor ata acceder a programas máis competitivos como o Ramón Cajal ou a propia estabilización definitiva na Universidade.

Para a investigadora do CIM a noticia de que era unha das científicas seleccionadas no Programa de Retención de Talento case lle coincidiu no tempo coa obtención dunha das prazas de consolidación convocadas pola Axencia Estatal de Investigación, polo que a súa intención é, non vindeiros días, renunciar á axuda da UVigo para que poida pasar a outra persoa.

Investigadora do grupo de Físca da Terra, Gofuvi, a súa investigación céntrase no emprego de sondas acústicas de banda ancha para o estudo dos fondos mariños, en xeral, e, máis particularmente, na cartografía de bancos de bivalvos, recursos de elevada importancia nas rías galegas. “Coa liña de investigación que imos desenvolver, xunto con colaboradores da UNED, da Universidade da Coruña e do CONICET, en Arxentina, pretendemos sacar o máximo partido a todas as novas posibilidades que se abren por esta tecnoloxía, e publicar os métodos desenvoltos en código aberto, para axudar así á súa difusión e uso”, recalca a investigadora.

Fonte: DUVI