O proxecto europeo FutureMARES demostra que as solucións baseadas na natureza son efectivas para garantir a sustentabilidade dos ecosistemas e sociedades do mar

O proxecto europeo FutureMARES demostra que as solucións baseadas na natureza son efectivas para garantir a sustentabilidade dos ecosistemas e sociedades do mar

Contou con 8 millóns de euros do programa Horizonte 2020. A metodoloxía empregada podería aplicarse para entender mellor o impacto positivo que as áreas mariñas protexidas teñen en especies, grupos sociais ou sectores como o turístico

O proxecto europeo FutureMARESdemostrou a efectividade das solucións baseadas na natureza (SBN) para mitigar os efectos do cambio climático nos ecosistemas mariños. Na iniciativa participaron 32 institucións de 17 países, entre as que se atopa o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), e contaba con máis de 8 millóns de euros de financiamento polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea. O traballo deu resposta a preguntas fundamentais relacionadas co deseño, aplicación, e efectividade das solucións baseadas na natureza (SBN) e foi liderado polos investigadores Juan Bueno Pardo e Elena Ojea do CIM. Concretamente, Elena Ojea afirmou que “se identificaron as prioridades de conservación e restauración de especies e espazos naturais, os mellores momentos para levar a cabo estas actuacións, e os axentes sociais que poden ser de interese para o desenvolvemento de SBN. Tamén se desenvolveron varias ferramentas para a avaliación do efectividade das SBN, no noso caso baseadas en indicadores e opinión de expertos”. A iniciativa tamén tivo unha compoñente práctica de campo con experimentos de restauración in situ. Neste ámbito, o proxecto mellorou diferentes protocolos de avaliación de impacto do cambio climático en organismos mariños e axudou a desenvolver técnicas de medida de estrés fisiolóxico in situ.

Aplicación no Atlántico

A metodoloxía serve para avaliar o risco e a vulnerabilidade climática de distintas especies, hábitats, servizos ecosistémicos e grupos sociais mariños. Para conseguir isto, Juan Bueno Pardo deseñou unha nova metodoloxíaque baséase en indicadores universais que categorizan diferentes características do medio mariño importantes para o impacto do cambio climático. Unha vez os indicadores foron definidos, o seu valor foi calculado usando proxeccións de variables físicas de modelos e a opinión de expertos. A investigadora Elena Ojea explicou que “unha vez que os indicadores foron medidos, puidemos ensamblalos para calcular un índice xeral de risco climático para cada especie, servizo ecosistémico e grupo social”.

Ademais, avanzou que “a nosa metodoloxía pode ser aplicada en calquera ámbito mariño. De feito, acaba de ser aplicada nunha área mariña protexida xigante que a OSPAR ubicou no medio do Atlántico Norte, entre Islandia e as Illas Açores, chamada co acrónimo NACES. Nas nosas costas atlánticas, a metodoloxía podería ser aplicada para entender mellor o impacto positivo que as áreas mariñas protexidas poidan ter en distintas especies ou grupos sociais, como determinados grupos de pescadores ou mesmo sector turístico”.

Por outro lado, no marco do proxecto, o investigador do CIM Juan Bueno Pardo desenvolveu unha ferramenta web interactiva que permite aplicar a metodoloxía en calquera lugar para avaliar a efectividade da conservación, restauración e pesca sostible como medidas ante o cambio climático.

Colaboración internacional

Segundo Elena Ojea, “o proxecto avanzou en varias frontes de coñecemento: mellorou a compresión que temos como sociedade dos nexos que existen entre as especies mariñas, as súas características e o rol que desempeñan nos sistemas socioecolóxicos; proporcionou proxeccións físicas e bioxeoquímicas das condicións ambientais futuras para escenarios de cambio climático; desenvolveu diferentes ferramentas para a avaliación da efectividade das SBN; e implicou nos seus estudos a axentes sociais de relevancia, tanto a nivel europeo como nacional, de maneira que a utilidade dos seus produtos está contrastada desde diferentes perspectivas como a conservación, a política común europea e o eido cultural”.

A investigadora salientou que “o proxecto ampliou en grande medida a nosa rede de colaboradores a nivel internacional. Esta cooperación nótase na nosa produtividade científica e permítenos ter acceso a datos de moi diversas áreas de Europa (o que implica moi diversas realidades sociais e naturais), o que é fundamental para levar a cabo traballos de integración de coñecemento e comparativa de casos de estudo. A visibilidade que acadamos durante estes anos de proxecto, servirá, sen dúbida, como alicerce para o estabelecemento de novas redes de investigación e, continuar avanzando na ciencia multidisciplinar mariña desde Galicia”.

Últimos pasos

A reunión final tivo lugar en xuño na Illa de Texel (Países Baixos), na sede do Royal Netherlands Institute for Sea Research (NIOZ), institución coordinadora do proxecto.  Durante o evento organizáronse sesións para que o equipo científico discutira os principais resultados acadados e os dous últimos días acudiron representantes de institucións públicas de toma de decisión para discutir sobre a sensibilidade climática e resiliencia da biodiversidade mariña. De especial interese resultaron as estratexias máis eficaces de conservación e restauración de especies e hábitats mariños, así como as posibilidades de explotación mariña sostible nun clima futuro. Neste último foro participou o investigador do CIM Haritz Ayarza.

Coincidindo co peche do proxecto publicouse un “policy brief” onde se explica a potencialidade da metodoloxía e a súa utilidade a actores do sector de toma de decisións e políticos. Elena Ojea indicou que “este tipo de documentos adoitan estar escritos cunha linguaxe máis clara e directa ca nos artigos científicos e ten un formato moi visual, de maneira que a nosa mensaxe poida chegar a un público non académico”. “Por outro lado, realizamos un vídeo resumo do proxecto e traballamos nunha segunda publicación onde usaremos os datos fornecidos polos grupos de investigación europeos participantes no proxecto e que servirá para identificar as fortalezas e debilidades das distintas SBN analizadas, desde un punto de vista ecolóxico, social e político”, engadiu.