A Ría de Vigo, enclave singular para un proxecto de monitorización da biodiversidade das costas europeas

A Ría de Vigo, enclave singular para un proxecto de monitorización da biodiversidade das costas europeas

Dentro iniciativa EMO BON na que participa persoal investigador do CIM. A mostraxe de Vigo é de especial relevancia porque é a única que se realiza nunha zona de afloramento costeiro

As comunidades mariñas están a experimentar cambios significativos baixo a influencia de diversos factores, incluído o cambio climático, a extracción de recursos naturais, a contaminación, a degradación do hábitat e as especies invasoras. Con todo, monitorear a biodiversidade mariña en tales hábitats é un desafío, xa que xeralmente implica métodos de mostraxe custosos, non estandarizados e a miúdo destrutivos que limitan a súa capacidade de crecemento. Para abordar este desafío naceu en 2021 a iniciativa EMO BON (European Marine Omics Biodiversity Observation Network) no marco de EMBRC (European Marine Biological Resource Centre) co fin de comprender e preservar a biodiversidade mariña nas costas europeas.

EMO BON está apoiado polos principais centros de investigación mariña de Europa e, desde o inicio do mesmo, participa o persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM), xa que forma parte de EMBRC a través da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat). Esta recompilación de datos é de especial relevancia para o proxecto xa que é a única que se realiza nunha zona de afloramento costeiro. Unha das investigadoras do CIM que participa no proxecto é Estefanía Paredes que destaca que “para o persoal investigador do centro é crucial formar parte desta iniciativa e contribuír ao coñecemento global dos ecosistemas mariños”. “Debemos ter en conta que a metodoloxía da mostraxe é a mesma en todas as estacións, xa que o obxectivo é replicar o procedemento en diferentes ambientes. O que fai diferente a cada punto é a súa localización xeográfica. A recollida de datos que se realiza en Vigo, por exemplo, corresponde ao único nunha zona de afloramento costeiro en Europa, o que fai que sexa de especial relevancia para o proxecto”.

A creación de observacións sobre biodiversidade a longo prazo é fundamental para estudar e entender os cambios que se están producindo nos ecosistemas mariños debidos a factores como o cambio climático. Para iso, nas mostraxes de EMO BON analízase a diversidade xenética dos organismos planctónicos, bacterias e a macro e meiofauna bentónica, ademais de realizar unha caracterización das condicións físicas da contorna (como temperatura, pH, salinidade ou osíxeno disolto).

Estefanía Paredes indica que “EMBRC aposta por que este observatorio se manteña no tempo e dende o CIM apostamos por aportar o noso tempo e coñecementos para obter e traballar con estes datos, o que permitirá estudar os cambios na diversidade a longo prazo e coñecer os efectos do cambio climático sobre as poboacións, como modificacións na abundancia dalgúns grupos ou a aparición de especies invasoras polo cambio de condicións”. Cos datos recollidos, estanse a realizar publicacións periódicas cos resultados obtidos e se publican en acceso aberto, catalogados por país e estación de mostraxe. A investigadora aclara que “xa se publicaron datos  correspondentes a series anteriores na ENA (European Nucleotide Arquive) que constitúen o set de datos ecolóxicos de investigación xenética mariña a longo prazo máis grande ata o momento e moitos máis datos seguen procesándose para a súa publicación, agardamos, neste mes de setembro”.

Participantes

A rede está formada actualmente por uns 20 observatorios distribuídos polas augas costeiras europeas e as rexións polares. Concretamente, en España serían a Ecimat do CIM (Galicia) e a Estación Mariña de Plentzia (País Vasco); en Portugal, o CCMAR (Centre for Marine Sciences) e CIIMAR (Interdisciplinary Centre of Marine and Environmental Research); en Francia, a Station Biologique de Roscoff, o IMEV (Institut de la Mer de Villefranche) e o Observatoire Océanologique de Banyuls sur Mer; en Italia, a Stazione Zoologica Anton Dohrn e o CNR-ISMAR (Consiglio Nazionale Delle Ricerche); nos Países Baixos, a Ghent University, o VLIZ (Flanders Marine Institute), o Royal Belgian Institute of Natural Sciences e o Katholieke Universiteit Leuven; en Grecia, o HCMR (Institute of Marine Biology, Biotechnology and Aquaculture, Hellenic Centre for Marine Research); en Noruega, The Arctic University of Norway, Ghent University e University of Bergen; en Suecia, University of Gothenburg, Linnaeus University e Umeå Marine Sciences Centre; e, por último, en Israel, a HUJI (Interuniversity Institute for Marine Sciences).