Persoal do CIM participou nun seminario divulgativo sobre o arquipélago. O evento, organizado polo Concello de Vigo, forma parte da Candidatura das Illas Cíes ao Xeoparque Mundial da UNESCO
Persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) participou nun seminario para explorar e afondar na xeoloxía das Illas Cíes, presentando as singularidades deste arquipélago a través de charlas divulgativas. O evento, organizado polo Concello de Vigo, enmárcase na Candidatura das Illas Cíes ao Xeoparque Mundial dea UNESCO e desenvolveuse no Museo Verbum-Casa das Palabras en Vigo baixo o título “Xeodisea Cíeas: unha nova mirada”.
Durante o mesmo, persoas expertas tanto do CIM e da Universidade de Vigo, como do Centro de Investigação Marinha e Ambiental (CIMA) da Universidade do Algarve e do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME-CSIC) abordaron diferentes temas vinculados coas illas desde a perspectiva dos diversos campos das ciencias da Terra. Concretamente, falaron sobre a formación xeolóxica das illas, desde a súa orixe tectónica ata os procesos que esculpiron a súa actual fisonomía. Tamén abordaron a interacción entre os procesos xeolóxicos e a biodiversidade da área, poñendo de relevo como cada elemento contribúe á singularidade deste posible futuro Xeoparque da UNESCO.
Patrimonio xeolóxico e natural
A candidatura das Illas Cíes está promovida desde o Concello de Vigo, que aposta pola necesidade de protección e preservación do arquipélago, reflectindo a importancia que lle outorgan ao patrimonio xeolóxico e natural das Cíes. En 2023 presentou os comités xeocientífico, liderado polos investigadores do CIM Irene Alejo e Gonzalo Méndez, e socioeconómico, que encabeza o investigador da USC Sebastián Villasante. Ambos están formados por expertos internacionais de recoñecido prestixio e están encargados de achegar o coñecemento científico do arquipélago á cidadanía, ademais de buscar novos datos sobre os valores patrimoniais e xeolóxicos que constaten o significativo e diverso patrimonio que reúnen as Illas Cíes.
Todos coinciden en confirmar que as Cíes son un museo natural da historia da humanidade e supoñen unha mostra para entender o pasado xeolóxico e predicir e planificar o futuro neste eido. A consecución da designación das Illas Cíes como Xeoparte Mundial da UNESCO reforzará a protección e conservación do patrimonio natural das Illas Cíes, ademais de proporcionarlle unha maior visibilidade e protección internacional, que garanta a súa conservación para as xeracións futuras.
A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).
Fonte: DUVI