O campus acolle ata o venres a celebración do encontro internacional bianual Trends, organizado por persoal investigador do CIM. Participan institucións como a Nasa, o MIT e o National Center for Atmospheric Research dos EEUU
Do 6 ao 10 de maio o campus de Ourense acolle a celebración do 12 Taller internacional sobre cambios e tendencias a longo prazo na atmosfera (Trends 2024). Nel participan de xeito presencial ou virtual 77 especialista de 21 países e procedentes de 51 institucións, entre elas a Nasa, o Massachusetts Institute of Technology (MIT), o National Center for Atmospheric Research dos EEUU e as academia de Ciencias de países como China, India e Chequia, ademais de España.
O 12th International Workshop on Long-Term Changes and Trends in the Atmosphere está organizado polo Grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab) do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo co patrocinio da Unión Internacional de Xeodesia e Xeofísica, a Asociación Internacional de Meteoroloxía e Ciencias Atmosféricas, o Comité Científico de Física Solar-Terrestre do Consello Científico Internacional e o Comité Internacional de Ciencias Espaciais. Juan Antonio Añel, físico da Universidade de Vigo coordinador do evento, explica que Trends é “o foro de referencia para as persoas e institucións que estudamos a alta atmosfera”, polo que amosou a súa satisfacción por acoller a súa celebración no campus de Ourense, sendo a primeira vez que se celebra en España. A cita, lembra, pon en común cada dous anos ás e aos especialistas que traballan en temas moi diversos pero relacionados coas capas altas da atmosfera.
Diversidade de propostas
Ao longo das sesións previstas, a comunidade científica participante tanto de xeito presencial como on-line abordará, nun contexto de cambio climático, as variacións e tendencias a longo prazo na atmosfera media e alta. Concretamente, os eixos temáticos do evento que se celebra en Ourense son, sempre nun contexto de consideración a longo prazo, a abordaxe das tendencias de variacións na atmosfera media; os cambios e tendencias na ionosfera e a termosfera; os mecanismos dinámicos, físicos, químicos, solares e radiactivos de variacións e tendencias e os cambios na atmosfera media e alta e os seus vínculos coa navegación por satélite e o lixo espacial.
A programación arrancou este luns cunha conferencia de Jan Laštovička, do Instituto de Física Atmosférica da Academia de Ciencias de República Checa, sobre o escenario de tendencias do sistema estratosfera-mesosfera-termosfera-ionosfera á vista dos novos datos dispoñibles nas dúas últimas décadas. Con ela abriuse un intenso programa no que se tratarán temas moi diversos, como os avances nos vínculos entre o cambio climático e a evolución de temperatura mesosférica; a resposta do hidróxeno termosférico ao aumento dos gases de efecto invernadoiro e aos cambios na actividade solar; a evolución da ionosfera e a termosfera durante o Holoceno ou o impacto dos cambios nas emisións antropoxénicas na aparición de burbullas de plasma ecuatoriais.
Liña de investigación prioritaria
A celebración de Trends 2024 en Ourense culmina dous anos de traballo que arrancaron coa presentación da candidatura de EphysLab para acoller esta cita e a súa elección por parte do comité científico internacional do evento. Desde hai case dúas décadas, EphysLab ten como unha das súas liñas de investigación prioritarias a atmosfera, desenvolvendo numerosos proxectos de ámbito estatal e/ou europeo con entidades presentes tamén neste taller. Entre eles, desde maio de 2022, un equipo internacional liderado polo propio Juan Antonio Añel leva a cabo un proxecto financiado polo Instituto Internacional de Ciencias Espaciais (International Space Science Institute-ISSI) sobre os impactos do cambio climático sobre a atmosfera alta do planeta, a orbitación de satélites e o lixo espacial.
A actividade investigadora do CIM conta cofinaciamento da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través dos Fondos Europeos (FEDER).
Fonte: DUVI