Especialistas de 18 entidades abordan os avances en simulación computacional de fluídos

Especialistas de 18 entidades abordan os avances en simulación computacional de fluídos

O 3rd Iberian Congress Advances on SPH celébrase este martes e mércores organizado por investigadores do CIM

Máis de 40 especialistas de 18 entidades danse cita estes días na celebración do 3rd Iberian Congress Advances on SPH. A cita, organizada polos investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) Alejandro Jacobo Cabrera e Iván Martínez, permitirá abordar os avances en simulación computacional de fluídos.

O congreso conta coa participación de expertos e expertas procedentes de España, Portugal, Italia e Dinamarca, xa que aínda que o evento naceu cun ámbito xeográfico centrado na península ibérica, nesta terceira edición tamén está aberto a outras institucións europeas. Trátase de investigadoras e investigadores do eido principalmente académico pero tamén do empresarial e da administración, estando presente neste último caso o Centro de Estudios y Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), do goberno español.

Segundo explican desde a organización do congreso, SPH é un modelo lagranxiano de partículas que permite a simulación computacional de diferentes fenómenos físicos, como a hidrodinámica das ondas costeiras ou de mar adentro que impactan en estruturas; a formación e evolución de galaxias e planetas; a interacción fluído-estrutura; o fluxo en procesos caracterizados por múltiples fases e mesturas, e grandes deformacións e fendas de sólidos e estruturas. “SPH é o modelo de partículas ideal para este tipo de aplicacións en hidráulica, en enxeñaría costeira e para aparellos flotantes lonxe da costa”, sinalan os responsables do congreso. Neste senso destacan as súas vantaxes á hora de simular problemas da dinámica conductacional de fluídos, permitindo traballar mellor por exemplo á hora de abordar a simulación dunha deformación moi grande da superficie libre da auga ou cando hai contornas de xeometrías moi complexas ou que se moven moi rápido, como poden ser as turbinas nun central hidráulica ou en aparellos de enerxía undimotriz flotantes que están lonxe da costa.

O grupo de investigación do CIM EphysLab desenvolve desde 2008 o modelo de software libre DualSPHysics, feito en colaboración coas universidades de Manchester, Gante e Politécnica de Catalunya, unha ferramenta “polo que somos coñecidos a nivel internacional polos seus desenvolvementos e aplicacións en enxeñaría costeira e enxeñaría renovable”.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI.