A UVigo supera en 2023 os 14 millóns de euros en captación de fondos internacionais

A UVigo supera en 2023 os 14 millóns de euros en captación de fondos internacionais

O 2023 deixou na UVigo excelentes resultados na captación de fondos internacionais. Así o adiantou o reitor, Manuel Reigosa, no seu informe anual ao Claustro, onde deu conta da consecución neste exercicio de máis de 14 millóns de euros en captación de fondos internacionais, dos que preto de 13 millóns se corresponden con proxectos internacionais de investigación e 1,5 millóns con proxectos educativos internacionais, cifras nunca antes acadadas e que responden á selección da institución académica viguesa para participar en múltiples programas. “Foi o ano no que se presentaron máis propostas e tamén no que tivemos máis éxito”, explica a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio.

Dos 13 millóns conseguidos pola UVigo, o CIM captou máis de 1,4 millóns de euros en proxectos internacionais en 2023, dos que tres son Horizonte Europa e catro son outras convocatorias (dous POCTEP, un Atlantic Area e un Life). É importante destacar que o CIM duplicou en 2023 a captación de fondos internacionais do ano anterior, mellorando o posicionamento do centro como un referente no ámbito europeo. Ademais, o centro mantiña activos o pasado ano 15 proxectos internacionais (12 Horizonte Europa e 3 doutras convocatorias) co que se asegura unha presenza importante do seu persoal investigador en diferentes redes internacionais.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI.