Estarán centrados nos riscos de inundacións e secas e na transición cara á neutralidade climática
Persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo participa en dous novos proxectos concedidos ao abeiro da nova convocatoria do programa POCTEP, iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal.
Dentro deste programa, grupos de investigación do CIM participarán en dous proxectos centrados no cambio climático, un relacionado cos riscos de inundacións e secas e outro sobre a transición cara á neutralidade climática.
Por unha banda, o proxecto Capta céntrase na necesidade de atopar solucións sostibles para preservar os servizos que ofrecen os ecosistemas. Liderado pola Consellería do Mar, o seu obxectivo é establecer as bases para o desenvolvemento das políticas e instrumentos de planificación conxuntas que faciliten acadar a neutralidade climática e permitan fortalecer os servizos ecosistémicos do litoral, mellorando a súa resiliencia.
Da man do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o CIM tamén participa en RISC+, unha iniciativa que busca ampliar e mellorar os resultados do proxecto RISC_ML para a demarcación internacional Miño-Lima. O principal obxectivo é seguir mellorando a resiliencia fronte o cambio climático, cara un plan hidrolóxico único para a demarcación internacional conforme a directiva Marco da Auga.
Estes son dous dos doce proxectos POCTEP nos que estará implicada como socia a Universidade de Vigo, que se encargará de liderar tres desas propostas que contarán con preto de 800.000 euros de orzamento.
Estas cifras tradúcense nunha taxa de éxito do 37,5%, xa que das 32 propostas presentadas, foron aprobadas 12. Para a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, esta é unha “gran satisfacción”, xa que ademais este foi o ano no que se presentaron maior número de proxectos a esta convocatoria.
Fonte: DUVI