O CIM mergulla ao público na investigación mariña na G-Night

Persoal investigador do CIM participou o pasado venres 29 na Noite Galega das Persoas Investigadoras, un serán de lecer científico con 50 actividades nas sete cidades

Obradoiros manipulativos, exposicións, visitas guiadas, charlas, proxeccións, danza, maxia, espectáculos en vivo….e, sobre todo ciencia, moita ciencia, para celebrar a terceira edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras no que participou o persoal investigador do CIM con varias actividades e que encheu de lecer e coñecemento as rúas das principais cidades galegas.

Centos de persoas as que participaron nas máis de 50 actividades programadas polo consorcio de entidades que están detrás desta proposta, entre elas as universidades e organismos de investigación galegos, liderados pola Universidade de Vigo. O evento, que se desenvolve simultaneamente en preto de 400 cidades europeas, ten como obxectivo achegar a ciencia e a I+D que se desenvolven nos laboratorios á cidadanía, para que poidan coñecer de primeira man o traballo da comunidade científica e tamén para espertar vocacións entre as e os máis cativos.

A Universidade de Vigo deseñou un programa de actividades espalladas polos tres campus, aínda que foi a sede institucional no Berbés o epicentro da xornada. Ás 17.00 horas o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, xunto coa concelleira de Educación, Recursos Humanos e Formación, Olga Alonso, e a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio inauguraron a expo-feira científica que contou con 19 postos no edificio Redeiras.

Do nano mundo ao espazo, tras mergullarse no mar

Ata a noite, as persoas que se achegaron ao edificio Redeiras puideron mergullarse no solo, coñecer a termografía infravermella, a química verde na industria téxtil, as claves para facer fronte ao cambio climático, as nanopartículas plasmónicas, o funcionamento das neuronas ou do mundo nano e tamén a empregar residuos para limpar a auga, a facer robots, a coñecer a pegada ecolóxica, o mundo das telecomunicacións, etc.

No programa destacou o espectáculo de danza Medo azul: cambio climático e incerteza na xente do mar, do grupo Future Oceans Lab (CIM) e unha das actividades que cada edición esperta maior interese entre o público, os paseos científicos pola ría a bordo da embarcación Inndaga do Centro de Investigación Mariña, que realizou tres saídas nas que as persoas previamente inscritas puideron coñecer as técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño que emprega o persoal investigador do CIM.

Outra das innovadoras propostas que a G-Night propón cada edición á cidadanía é o ciclo Ciencia no Bar, no que este ano participou a investigadora do CIM Paloma Morán, que abordou xunto con Diana Valvede do CINBIO no café Vitruvia de Vigo o impacto do sexto e o xénero sobre as enfermidades.

Fonte: DUVI