A ciencia mariña chega unha vez máis á cidadanía da man do persoal investigador do CIM

A ciencia mariña chega unha vez máis á cidadanía da man do persoal investigador do CIM

O centro celebra as súas xornadas de portas abertas cunha feira científica, visitas guiadas e traxectos didácticos en barco para todos os públicos

O persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) volve á rúa para achegar a investigación mariña que se desenvolvea toda a cidadanía, dun xeito lúdico e apto para todas as idades. Os vindeiros 11 e 17 de novembro o centro organiza as súas Xornadas de Portas Abertas, unha actuación cofinanciada pola Xunta de Galicia e pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, para compartir o proceso de xeración de coñecemento na investigación á sociedade. Con este tipo de iniciativas trátase de dar a coñecer a ciencia mariña e o traballo do persoal investigador do CIM, ademais de xerar vocacións científicas nas nenas e nenos que participan coas súas familias nestas xornadas.

Paseos pola ría e visita á ECIMAT

Se o tempo o permite, as xornadas de portas abertas do CIM iniciaranse o sábado 11 de novembro con Embárcate co CIM: un paseo divulgativo pola ría no que as persoas participantes, previa inscrición, poderán subirse a un barco-aula para navegar entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla. Durante o traxecto desenvolveranse unha serie de actividades de observación, obtención de mostras de sedimento e organismos mariños e explicacións por parte de diversas persoas investigadoras do CIM. Xa na illa levarase a cabo unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do Centro de Investigación Mariña. Alí coñecerán os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as instalacións de mesocosmos e a sala de bombas. Haberá dúas quendas: a primeira das 9:00 as 12:00 h e a segunda das 12:00h ás 15:15 h Todas as persoas interesadas deberán inscribirse na web cienciasingular.gal.

Feira científica en A Laxe

Por outra banda, o venres 17 de novembro, en horario de 17:00 a 20:30 no Centro Comercial A Laxe, haberá unha serie de obradoiros de diferentes temáticas de investigación mariña baixo o título “Coñece o CIM na rúa”: fósiles mariños, nanopartículas, identificación de animais mariños por métodos xenéticos, pesca e cambio climático, etc. As actividades serán de libre acceso para un público familiar e non é preciso inscribirse. Simultaneamente, en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo (APV), persoal do CIM ofrecerá as persoas interesadas visitas guiadas á instalación permanente e visor subacuático “Nautilus” que a APV ten xunto ao Centro Comercial. As visitas serán de 16 a 18 horas e requerirán inscrición previa na web cienciasingular.gal.

Fonte: DUVI