Colabora na terceira edición da Noite Galega das Persoas Investigadoras que se celebrará o vindeiro 29 de setembro con paseos científicos pola ría ou charlas
A G-Night volverá encher de ciencia as rúas, museos e bares galegos o vindeiro 29 de setembro. O Centro de Investigación Mariña da participará nesta terceira edición da Noite Galega das Persoas investigadoras con paseos científicos pola ría ou charlas que se sumarán ás preto de 50 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico que se desenvolverán nas sete principais cidades galegas baixo o lema ‘Conciencias Creativas’.
A coordinación desta iniciativa en Galicia correspóndelle á Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado por unha ducia de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos. O evento desenvólvese simultaneamente en preto de 400 cidades europeas, que se suman a esta iniciativa da UE, financiada por Marie Sklodowska Curie Actions. No caso de Galicia, a G-Night desenvólvese cos recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.
O CIM achegará o seu gran de area a unha das actividades centrais que a Universidade de Vigo organizará no edificio Redeiras, unha expo-feira que contará con 19 postos científicos nos que integrantes de grupos da investigación da institución achegarán os seus coñecementos ao público asistente.
Por outra banda, no mesmo edificio o grupo Future Oceans Lab do CIM representará un espectáculo de danza titulado Medo azul: cambio climático e incerteza na xente do mar.
Paralelamente, a aula 1 do edificio Redeiras tamén acollerá, desde as 18.15 horas, tres conferencias sobre a desigual distribución de custos do cambio climático, a intelixencia artificial e os fenómenos climáticos extremos. Mentres, a aula 2 converterase nunha sala de proxeccións na que o público asistente poderá visualizar algúns capítulos da miniserie documental Desafíos do Océano: científicas ao mando, que forma parte dun proxecto do Campus do Mar liderado pola UVigo e no que participan as investigadoras do CIM Celia Olabarria e Ana Bernabeu.
As actividades da G-Night en Vigo complétanse cos tres paseos científicos a bordo da embarcación Inndaga do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, nos que unha ducia de persoas poderá coñecer as técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño que emprega o persoal investigador do CIM. Os paseos dunha hora de duración, comezarán ás 15.00 horas, con saída desde o porto de Vigo, e será preciso rexistrarse para participar.
Nesta edición volve tamén a Ciencia no Bar, que en Vigo contará coa charla de Paloma Morán, na que abordará o impacto do sexo e o xénero sobre as enfermidades. Será no café Vitruvia entre as 21.00 e as 22.00 horas con entrada libre ata completar a capacidade da sala.
Fonte: DUVI