O CIM consegue dúas novas axudas FECYT para proxectos de divulgación científica

O CIM consegue dúas novas axudas FECYT para proxectos de divulgación científica

Porá en marcha en colaboración co Campus do Mar as iniciativas Desafíos do océano: científicas ao mando e Mar emerxente | Scientist meet Artists

A última resolución de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e de innovación da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía, FECYT, do Ministerio de Economía, Industria e Competitividade deixou este ano excelentes noticias para a Universidade de Vigo ao outorgarlle a concesión de sete axudas por valor de 150.000 euros. Son os mellores datos acadados pola institución académica viguesa nesta convocatoria, unha das poucas que existen, tanto a nivel nacional como internacional, específicas para divulgación e, derivado disto, tamén unha das máis competitivas.

Dúas destas propostas chegan da man do Centro de Investigación Mariña, CIM, en colaboración co Campus do Mar, que acadaron 24.000 e 11.000 euros. Trátase, por unha banda, de Desafíos do océano: científicas al mando, unha miniserie documental de seis capítulos de dez minutos de duración cada un, continuación dun proxecto do mesmo nome que se leva a cabo con grande éxito e acollida coa colaboración da FECYT desde a edición de 2020. Tamén conseguiu axuda FECYT Mar emerxente | Scientist meet Artists, un espazo de encontro e diálogo entre dúas disciplinas moi diversas: a ciencia e a arte e na que a indagación, innata ao mundo da investigación, dialoga coa creatividade, propia do mundo artístico.

A vicerreitora de Investigación e Transferencia, Belén Rubio, explicou que “este é o ano que acadamos máis éxito na Universidade de Vigo ao conseguir máis do 50% dos proxectos presentados, o maior número de propostas financiadas e, tamén, a contía máxima de financiamento”. A vicerreitora lembou que o vindeiro venres se celebrará en toda Galicia a G-Night, a Noite galega das persoas investigadoras, coordinada desde a Universidade de Vigo e financiada neste caso grazas tamén á consecución dunha axuda para proxectos de divulgación, neste caso europea. A vicerreitora relaciona este éxito cunha “maior conciencia por parte do persoal investigador de que a divulgación científica é importante” e tamén polo “apoio técnico prestado desde a Universidade polo persoal da Unidade de Cultura Científica, UCC”.

Fonte: DUVI