Persoal investigador do CIM participa no proxecto deseñando un sistema de análise de materiais para saber se son amigables co medio mariño
Un total de 22 investigadoras e investigadores de nove países europeos participarán na reunión anual do proxecto Glaukos, que se celebra hoxe e mañá no Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia en Vigo. Persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) organiza o encontro no que se presentarán os últimos avances do proxecto que, no marco da convocatoria Horizonte2020 (H2020), busca solucións circulares para a industria téxtil. Concretamente, o laboratorio de Ecotoxicoloxía e Contaminación Mariña (Ecotox), liderado por Ricardo Beiras, catedrático do CIM, é o único representante español nesta iniciativa que ten por obxectivo desenvolver fibras e revestimentos téxtiles biodegradables e biorreciclables para as artes de pesca e a roupa.
Dende Ecotox desenvolveron un método más rápido para a valoración mariña a biodegradabilidade e ecotoxicidade dos microplásticos no laboratorio e en mesocosmos. A inmensa maioría dos aditivos e recubrimentos ecolóxicos de aparellos de pesca e téxtiles son derivados do petróleo, sendo un dos obxectivos finais do proxecto Glaukos o de producir recubrimentos cun contido de base biolóxica mínimo dun 30%, o que representaría un grande avance neste campo. Para iso, o persoal investigador do CIM deseñou un sistema de análise dos materiais que comprende tres ensaios distintos: test de biodegradación, tests de degradación mecánica e test de ecotoxicidade. Segundo o resultado dos mesmos, poderiamos clasificar un material como amigable ou non co medio mariño. Ademais, estes tests poden extrapolarse a outros plásticos e usarse en diferentes análises de materiais. Desta forma, estase avanzando na estandarización dos métodos para avaliar a biodegradabilidade e ecotoxicidade dos microplásticos en medios mariños.
A finalidade última é diminuír drasticamente a contaminación por plásticos do océano, xa que as artes de pesca abandonadas, perdidas ou descartadas representan aproximadamente o 27% de todo a lixo mariño atopado nos mares europeos, preto de 11.000 toneladas anuais que entran no medio mariño cada ano. Aos restos de redes e outros aparellos súmanse as fibras sintéticas das que está feita gran parte da roupa, que son tamén unha fonte principal de contaminación por microfibra nos ambientes mariños, xa que o uso e o desgaste das prendas fan que as fibras acaben no mar.
Traballando desde 2020
O proxecto, iniciado en 2020 e con catro anos de duración, ten un orzamento total de 4,8 millóns de euros, dos que a Comisión Europea financia 4,1 millóns a través da Bio-Based Industries Joint Undertaking (BBI JU), unha entidade público-privada entre o programa H2020 da UE e Bio-based Industries Consortium (BIC). A subvención que lle corresponde á UVigo é de 411.500 euros. O consorcio está coordinado pola entidade belga Bio Base Europe Pilot Plant e del forman parte empresas, asociacións, clústers, centros de investigación e universidades de Bélxica, Países Baixos, Dinamarca, Alemaña, Eslovaquia, España, Suíza, Italia e Turquía.
Fonte: DUVI