Grande éxito da feira A ciencia que vén ten nome de muller coa participación do CIM-UVigo

Etiquetas

O persoal investigador do Centro de Investigación Mariña da UVigo volveu achegar á sociedade o seu labor dun xeito lúdico e participativo

Por segundo ano consecutivo, a praza do Berbés converteuse no epicentro da divulgación científica. Co dobre obxectivo de fomentar entre as e os máis novos as vocacións científicas e tecnolóxicas e dar a coñecer á sociedade o traballo que desenvolve o seu persoal investigador, nomeadamente as mulleres, O CIM-UVigo volveu sacar a ciencia á rúa participando nunha nova edición da expo-feira ‘A ciencia que vén ten nome de muller.’

As actividades comezaron cunha visita do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP García Barbón de Vigo, na que uns 60 escolares puideron achegarse aos segredos do mar nas carpas instaladas na praza do Berbés.

Xa pola tarde, o público asistente gozou, desafiando á chuvia, cos obradoiros ‘A importancia das algas microscópicas mariñas’, ‘Os segredos do mar profundo’ e ‘Relaciónate!’ propostos polos grupos de Oceanografía Biolóxica, Bioloxía Ambiental e Ecoloxía Costeira do CIM-UVigo. Deste xeito, o público puido observar microalgas a través de microscopio, descubrir unha mostra da fauna máis representativa e sorprendente dos fondos mariños ou realizar experimentos para achegarse ao traballo que as e os investigadores realizan en ámbitos como a ecoloxía dos recursos marisqueiros o a ecotoxicoloxía.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI