Un investigador do CIM-UVigo participa na xornada científico-técnica ‘Mares Circulares’ de loita contra o lixo mariño

Etiquetas

O catedrático de Ecoloxía e membro do CIM-UVigo, Ricardo Beiras, analizou o impacto da contaminación por plásticos na fauna mariña

A terceira edición das Xornadas Científico Técnicas Mares Circulares constitúen a primeira colaboración entre a Universidade de Vigo e Coca Cola pero non será a última, xa que estanse a ultimar os detalles dun convenio de colaboración entre ambas institucións. A sinatura deste acordo reforzará o impulso conxunto de actividades coas que dar a coñecer a importancia, sensibilizar, difundir e pór en marcha diferentes iniciativas relacionadas coa loita contra o lixo mariño.

O lugar de encontro foi o edificio Redeiras. Alí se reuniron máis de 60 participantes, aos que se engadiron outra trintena de persoas que seguiron as xornadas en liña a través de UVigoTv. Previamente, ás 07.00 horas da mañá, parte do grupo participara xa nunha visita á lonxa e porto pesqueiro de Vigo.

A presentación do proxecto Mares Circulares correu a cargo de María Troncoso, xestora de comunicación de Coca-Cola Europacific Partners Iberia, quen fixo fincapé en que esta iniciativa leva máis de tres anos involucrando a diferentes institucións e organizacións, tanto de España como de Portugal, co obxectivo común de reducir o impacto da actividade humana nas costas e pasar dunha produción lineal a unha circular. O máis urxente é, segundo explicou Troncoso, a recollida do lixo no mar, pero isto non é o único, trátase tamén de concienciar á sociedade para que recicle e de contribuír ao desenvolvemento de solucións ao problema da contaminación mariña, tanto apoiando estudos científicos que vaian nesta liña como starp-ups que promovan a economía circular.

Forte presenza de investigadores da UVigo no programa das xornadas

O programa de conferencias arrancou coa participación de Rubén Rodríguez, de Asociación Vertidos Cero, que impartiu a conferencia Lixos Mariños, unha mirada desde o sector pesqueiro. A continuación, Antonio Castro, da Asociación Chelonia, centrouse na monitorización de lixos mariños en zonas costeiras. Este primeiro bloque de relatorios terminou coa intervención de dous representantes do Departamento de Sustentabilidade da Autoridade Portuaria de Vigo, que fixeron un pequeno esbozo da estratexia Blue Growth do Porto de Vigo.

O segundo bloque de relatorios arrancou coa intervención do catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e membro do CIM-UVigo, Ricardo Beiras, quen trasladou aos asistentes unha análise do impacto da contaminación por plásticos na fauna mariña. Doutra banda, as profesoras da Área de Marketing e Organización de Empresas da UVigo Pilar Piñeiro e Ángeles Pariente analizaron a importancia do ensino do concepto de sustentabilidade e do mar como motor de procesos de innovación e emprendemento, respectivamente.

Como mostras de emprendemento e innovación xurdidas do mar, o tamén profesor da UVigo Julio Garrido presentou o proxecto de investigación Reutilización de plásticos para a obtención de recambios a bordo de barcos. O segundo bloque pechárono Mónica Figueroa (EnergyLab), que afondou na Revalorización dos residuos do mar para a extracción de enerxía, e Jose Ignacio Peleteiro (ECOPLAS Barbanza), gañador da última edición do concurso anual de Mares Circulares, quen presentou o proxecto Fabricación de envases biodegradables e compostables para os  sectores pesqueiro, marisqueiro e acuícola.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Fonte: DUVI