A Investigación foi publicada pola revista da Academia Nacional de Ciencia dos Estados Unidos
As flutuacións medioambientais, variacións que acontecen de xeito natural na temperatura, na luz, etc. ao longo do día-noite ou coas estacións, son determinantes á hora de predicir de forma máis precisa a natureza e a magnitude dos efectos do cambio global sobre os diferentes organismos e ecosistemas. Así se demostra nun estudo realizado polos científicos do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo Marco Jabalera, investigador contratado a través do programa Juan de la Cierva, e o catedrático de Ecoloxía Emilio Marañón, e cuxos resultados foron recentemente publicados pola revista da Academia Nacional de Ciencias dos Estados Unidos, Proceedings of de National Academy of Science.
Os resultados desta investigación, levada a cabo dentro do grupo de Oceanografía Biolóxica, poñen sobre a mesa a necesidade de considerar as flutuacións medioambientais en estudos experimentais e de modelado, así como en todas as accións de xestión e conservación.
Para avaliar si as flutuacións medioambientais poden alterar os efectos preditos das diferentes variables asociados ao cambio global, os autores do estudo revisaron a literatura científica publicada sobre este tema ao longo das tres últimas décadas. Isto permitiulles identificar cinco factores ambientais principais: quentamento, acidificación, cambios na concentración de osíxeno (hipo e hiperoxia), subministro de recursos e luz. Cinco factores que estudaron sobre distintos grupos de animais, bacterias, fungos, plantas e protistas.
Os autores atoparon que a frecuencia de efectos aditivos (“o efecto dun factor dado non é modificado polo efecto dun segundo factor”) foi maior que a de efectos interactivos (“o efecto dun factor é exacerbado ou atenuado polo efecto doutro factor, de modo que o efecto combinado de ambos é maior ou menor que a suma dos efectos individuais”). Segundo explican os investigadores, isto contradí a visión tradicional existente na Ecoloxía segundo a cal múltiples factores asociados co cambio global tenden a exercer efectos interactivos sobre organismos e ecosistemas. “Ademais, os resultados tamén demostran que o tipo de interacción dominante pode variar en función do nivel trófico e o grupo de organismos considerado”, recalcan Jabalera e Marañón.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Ler nova completa no DUVI.