O Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo participou o venres pasado na tarde-noite da divulgación científica coa celebración da Noite Galega das Persoas Investigadoras (G-Night), unha iniciativa coordinada pola Universidade de Vigo para achegar o coñecemento científico e a investigación a toda a cidadanía de Galicia.
A G-Night desenvolveuse simultaneamente nunha trintena de localizacións repartidas polas sete principais cidades galegas: Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. O consorcio, liderado pola UVigo a través da Unidade de Cultura Científica, está formado por unha decena de socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e organismos de investigación galegos.
En total, foron máis de 70 actividades de divulgación, lecer e entretemento científico que espallaron a ciencia a pé de rúa e ao alcance de toda a cidadanía. Entre estas actividades, o CIM participou na expo-feira científica que tivo lugar na praza do Berbés, nos relatorios e charlas divulgativas que tiveron lugar en diferentes centros educativos, bares e cafeterías das cidades e nos paseos científicos a bordo da embarcación de prospección Inndaga.
Tanto Valderrama como Rubio amosáronse moi satisfeitas pola acollida desta iniciativa entre a cidadanía, con centos de persoas, principalmente familias, que dende media tarde encheron a carpa nesta segunda da G-Night que organiza a UVigo baixo o selo Marie Sklodowska Curie Actions. O obxectivo, destacaba a vicerreitora de Comunicación é “espertar vocacións, achegar á cidadanía de forma experiencial e moi lúdica o que se fai en investigación na Universidade e nos seus centros de I+D+i e facelo para un público masivo, tanto para os máis cativos na feira, como para os adultos nas charlas nos bares”.
Divulgar a ciencia con conciencia creativa
Na expo-feira científica, o persoal investigador amosou as súas liñas de traballo a través dunha ducia de experimentos e obradoiros. Entre eles, Paloma Morán amosou a menores e maiores de 10 anos como se constrúe unha dobre hélice de ADN, mentres que o persoal do grupo de Xeoloxía Animal presentou a biodiversidade do solo e o funcionamento dos seus organismos co obradoiro “descubre con nós a vida do solo”.
Na cidade de Vigo o escenario foi o café Vitruvia, onde o público puido asistir á charla de Victor Hernando, que falou sobre a contaminación dos plásticos no medio mariño. O persoal investigador do CIM visitou ademáis varios centros educativos. Dunha banda, Alexandra Díaz, Maria Aranguren e Victor Hernando presentaron a influencia dos factores ambientais nos cambios anuais do fitoplancto da Ría. Doutra banda, Rita González, Paula Diz e Carolina Gil acudiron ao IES Alexandre Bóveda para presentar a actividade “Dende Marte ata as Dorsais Oceánicas”
Ademais das actividades en terra, a programación da G-Night incluíu tamén obradoiros na ría, con tres paseos científicos da man do persoal científico do CIM a bordo da embarcación de prospección Inndaga. Nestas saídas unha ducia de persoas puido coñecer as diferentes técnicas de mostraxe de sedimentos e caracterización de propiedades físicas da auga e do fondo mariño.
As actividades contaron co financiamento propio de cada entidade participante e co apoio da Xunta de Galicia, Muncyt, Museo Nacional de Ciencia y Tecnología, e os museos científicos coruñeses.