Persoal científico do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo acaba de publicar na prestixiosa revista Scientific Reports da editorial Nature os resultados dunha investigación pioneira que podería contribuír a resolver un dos grandes problemas do sector: conseguir semente suficiente e en calquera época do ano para os 3.300 criadeiros flotantes. Pablo Heres, Jesús Troncoso e Estefanía Paredes demostraron por primeira vez que as larvas de mexillón criopreservadas pódense transferir a cordas e crecer na contorna natural para producir unha segunda xeración. Os e as autoras do estudo, englobado no proxecto Assemble Plus, aseguran que “as larvas crioxenizadas chegan a adultos coas mesmas taxas de crecemento que as salvaxes, e mesmo alcanzan un tamaño comercial medio ao mesmo tempo”.
Mellorar a supervivencia
Factores como a contaminación humana ou ambiental ou anomaías xenómicas ameazan a acuicultura. Segundo Heres, Troncoso e Paredes, o cambio climático pode influír tamén nas poboacións naturais de mexillóns. Partindo destas premisas, os investigadores comezaron a traballar co obxectivo de desenvolver “metodoloxías para garantir a sustentabilidade de sementes competentes que puideran colleitarse”.
O persoal científico implicado explica que para a súa investigación colleron mexillóns maduros na ría de Vigo, depositáronos en tanques alimentados con auga de mar filtrada e induciron a desova dos adultos. Seleccionaron espermatozoides e ovocitos e liberáronos ata que fecundaron.
Despois de examinar diferentes etapas larvarias, velocidades de arrefriado e desconxelación e combinacións de crioprotectores, consideran probada a capacidade do protocolo optimizado para producir sementes de mexillón a partir de larvas criopreservadas “porque sobreviven e desenvólvense normalmente unha vez desconxeladas”.
Segundo o artigo asinado por Heres, Troncoso e Paredes, para unha investigación adicional queda “mellorar o éxito posterior á desconxelación para proporcionar taxas de supervivencia máis altas desde o principio, así como determinar os procesos involucrados nas altas taxas de mortalidade atopadas ao comezo do cultivo”.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Ler a nova completa na Voz de Galicia.