O proxecto Ocimer+ presenta novos avances sobre o cultivo e conservación do ourizo de mar

Etiquetas
Foto de familia do equipo de investigación do CIM implicado neste proxecto

A finais de 2019 botaba a andar o proxecto Ocimer, unha iniciativa do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo para a optimización do cultivo integral do ourizo de mar. Tras dous anos de traballo e unha vez rematado este proxecto, o equipo de investigación decidiu seguir afondando nesta liña de estudo e puxeron en marcha Ocimer+, unha ampliación de oito meses do proxecto inicial á que se engaden novos enfoques. Así, mentres que no proxecto Ocimer se abordaron aspectos relacionados co cultivo e a criopreservación, nesta nova etapa incluíronse dúas novas liñas de investigación: patoloxía e xenética. O proxecto, que tamén conta con financiamento da convocatoria Pleamar da Fundación Biodiversidade, implica varios grupos de investigación do CIM-UVigo, que traballaron con cinco especies de ourizo presentes na ría de Vigo.

Unha vez transcorridos os oito meses de traballo do novo proxecto, este mércores celebrouse o evento final no que se presentaron os principais resultados obtidos relacionados co cultivo e a conservación do ourizo de mar, unha especie que cada vez ten maior demanda tanto interna como, sobre todo, internacional, o que repercute nun incremento dos prezos en lonxa.

No acto deste mércores, celebrado no auditorio do edificio Cambón, participaron José Manuel García, director da Ecimat e investigador principal do proxecto, e José Antonio Fernández Bouzas, director do Parque Nacional das Illas Atlánticas, así como varios investigadores involucrados neste proxecto, que se encargaron de presentar os resultados dos distintos paquetes de traballo de Ocimer+, nos que tamén estiveron involucradas as confrarías San Xosé de Cangas e San Francisco de Vigo. Para Estévez, a pesar de tratarse dun proxecto curto,  “foi un período de tempo moi ben aproveitado polos investigadores do CIM” que permite “unha vez máis, poñer de manifesto a calidade da investigación que se desenvolve neste centro”. Sobre os resultados, considera “precipitado falar de conclusións” pero destaca que se produciron “avances no eido da parasitoloxía, a xenética, o cultivo e a criopreservación”. O responsable do proxecto destacaba no transcurso deste acto que estes avances “poden resultar fundamentais para a correcta xestión e conservación futura deste recurso”. No mesmo sentido tamén se pronunciou José Antonio Fernández, que recalcou a importancia de que este proxecto continúe porque “é realista e aposta pola investigación básica pero cunha aplicación brutal tanto en conservación das especies como no cultivo” e lembrou que o sector precisa contar “cunhas guías de conservación básicas e con datos e información sobre esta especie que lles permita responder a futuras necesidades”.

4700 exemplares de cinco especies para o estudo

O proxecto, no que traballaron dez investigadores do CIM, centrouse no estudo das cinco especies de ourizo de mar presentes na ría de Vigo, con especial atención ao Paracentrotus Lividus, a única delas que se comercializa, sendo Galicia a principal rexión produtora en Europa. Como explica a investigadora Estefanía Paredes, o proxecto desenvolveuse dende un punto de vista global dividido en catros liñas de estudo. Por unha banda, buscábase “obter información sobre as patoloxías e as enfermidades parasitarias no ourizo de mar, así como avaliar o nivel de diversidade xenética e illamento reprodutivo”. Os investigadores buscaban tamén determinar os parámetros óptimos na fase de asentamento larvario de P. lividus e implementar dietas de engorde que incrementan o seu índice gonadal, así como o seu período de comercialización en Galicia. Outro dos obxectivo era avanzar na conservación mediante criopreservación das especies autóctonas de Galicia susceptibles de reprodución en catividade, aspecto este no que Paredes é especialista. Finalmente, os equipos de investigación tamén tiñan por diante a tarefa de avaliar o estado das poboacións repoboadas na primeira etapa de Ocimer, uns 50.000 exemplares na costa de Cangas do Morrazo, e continuar colaborando na xestión de poboacións en perigo de sobreexplotación coas confrarías da ría de Vigo.

Ler a nova completa no DUVI