Xa poden descargarse da web as unidades didácticas e a vindeira semana estará dispoñible a versión beta do videoxogo
O proxecto ofrece de xeito gratuíto unhas ferramentas innovadoras e atractivas para a alfabetización oceánica a nenas, nenos e adultos
A actividade investigadora do CIM-UVigo conta co cofinanciamento da Xunta a través de fondos FEDER
“A realidade climática fai necesario impulsar actividades de divulgación para concienciar sobre a preservación do océano”. Así explicaba Daniel Rey, director do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o nacemento do proxecto Misión Azul, unha iniciativa de alfabetización científica mariña e de formación do profesorado posto en marcha polo CIM-UVigo en colaboración con atlanTTic, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra e UECoE que este venres presentou os seus resultados nun acto na Sala 1 do Edificio Miralles do campus vigués. “Tras un ano de traballo cun equipo multidisciplinar espléndido o videoxogo e as unidades didácticas do proxecto son unha realidade que nos permite continuar coa nosa particular misión de contribuír á difusión e desenvolvemento do coñecemento mariño, de espertar vocacións científicas e de valorizar o papel das mulleres investigadoras”, explicou Rey, responsable tamén do proxecto.
Uns produtos finais nos que “se consegue fusionar as TIC, as ciencias mariñas, a comunicación e a didáctica para realizar uns produtos adaptados aos intereses do alumnado de primaria e secundaria, para que eles e elas poidan aprender dun xeito lúdico e nós estimular vocacións”, asegurou a vicerreitora de Comunicacións e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama.
Pola súa banda a directora da FECYT, Inmaculada Aguilar, destacou “a importancia de iniciativas como a de Misión Azul para achegar a ciencia ao público máis novo, sobre todo na realidade actual, na que hai cada vez unha necesidade maior de integrar o coñecemento científico no noso día a día”. O proxecto Misión Azul foi financiado con 27.500 euros pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia e Innovación.
Unidades didácticas dispoñibles na web
As unidades didácticas creadas ao abeiro do proxecto xa están dispoñibles na páxina web e poden ser descargadas de forma gratuíta. Son seis volumes divididos en guía para o profesorado, contido temático e cadernos con actividades de laboratorio, en grupo e autoavaliación separados para primaria e secundaria que ven á luz “tras un arduo traballo didáctico para ofrecer un contido atractivo e entretido” e que “servirán de base ao profesorado para ampliar e adaptar o contido para os cursos de bacharelato ou incluso a terceiro ou cuarto de primaria”, segundo comentaron Beatriz Legerén, profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación e coordinadora destas unidades, e Alberto García, membro da Unión de Cooperativas de Enseñanza – UECoE e encargado da elaboración de contidos supervisados polo equipo científico do CIM-UVigo. Pensando no sei uso en todos os centros educativos a nivel estatal, as unidades didácticas están en español, pero serán tamén traducidas a galego e inglés.
Descargar o videoxogo
Na web tamén estará dispoñible ao longo da vindeira semana unha versión beta do videoxogo Misión Azul: Pleamar, unha ferramenta que permitirá ás e aos xogadores “vivir as historias a través do personaxe protagonista, Blu, un personaxe inclusivo sen xénero determinado”, salientou Legerén. Da súa man e na compañía de diferentes e curiosos personaxes no xogo verase a Blu iniciar un percorrido cara a concienciación do coidado medioambiental, especialmente do océano, tras chegar a pasar o verán a casa dos seus avós nun pequeno pobo mariñeiro nunha illa situada nun espazo natural protexido.
“Trátase dunha aventura de exploración con varios escenarios dentro desta illa empregando claves que os rapaces e rapazas están acostumados a manexar no seu día a día e enfocado dun xeito claro ao dispositivo máis utilizado por eles e elas, o móbil”, destacou Antonio Pena, investigador de atlanTTic. Así, rapaces e rapazas deberán manter un índice de sostibilidade, superar misións, enfrontarse a combates dialécticos amables, combater as fake news ou recoller lixo para encher un inventario que lles servirá para crear novos elementos. O videoxogo convértese así ademais nunha ferramenta non só para traballar na aula, senón tamén na casa só ou en compañía do resto da familia, fomentando a ciencia na casa. A versión definitiva do xogo estará dispoñible ao longo do mes de outubro.
“Existe unha gran necesidade de integrar a investigación en ciencia mariña nos programas dos centros educativos, de espertar vocacións e de visibilizar o traballo dos investigadores e, sobre todo, das investigadoras a todos os niveis”, asegurou durante a súa intervención Cristina Quelle, coordinadora de Innovación e Transferencia do CIM-UVigo. Quelle quixo agradecer a súa implicación a todo o equipo participante no proxecto, así como a entidades colaboradoras como o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas ou á Oficina Española de Cambio Climático.
Con esta iniciativa tamén se conmemora o inicio do Decenio das Ciencias Oceánicas para o Desenvolvemento Sostible proclamado polas Nacións Unidas para 2021-2030, co que se pretende consolidar unha nova xeración de oceanógrafos e técnicos mediante a creación de novas redes de investigación e unha nova xeración de sistemas de observación mellorados, instalacións e infraestruturas, que axudarán aos países a acadar a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible.
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI