A bordo do buque Hespérides, a expedición partiu do porto arxentino de Ushuaia
Os técnicos do Centro de Investigación Mariña (CIM) Antonio Fuentes Lema e Paulo Alcaraz Rocha, e a docente e investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal Cristina Sobrino García, é persoal da UVigo que xunto a científicos do CSIC participan na expedición Antom-II, co obxectivo de analizar o impacto dos contaminantes de orixe humana na Antártida. As e os investigadores da UVigo, IDEAE-CSIC, ICM-CSIC e IQOG-CSIC partían nas últimas horas do porto arxentino de Ushuaia, a bordo do buque de investigación oceanográfica Hespérides, desde onde tomarán, no océano Austral, mostras de auga e aire para analizar a contaminación antropoxénica. Os resultados do estudo, que se realizou o ano pasado por vez primeira, axudarán a entender que efectos teñen estes contaminantes químicos nos ecosistemas antárticos.
“O proxecto Antom ten como obxectivo estudar o efecto dos contaminantes emerxentes e compostos orgánicos semivolátiles antropoxénicos sobre o medio e organismos mariños, e entre estes últimos, o proxecto céntrase no efecto sobre os organismos microscópicos, nomeadamente, fitoplancto e bacterioplancto”, sinala Sobrino, que explica que os investigadores da UVigo son os responsables do estudo destes compostos de orixe humana sobre a abundancia, composición e metabolismo do fitoplancto. “Estes resultados son altamente importantes xa que o fitoplancto, a pesar do seu pequeno tamaño constitúe a base da cadea trófica mariña e forma parte activa do ciclo global do carbono, captando CO2 atmosférico e contribuíndo con isto á regulación do clima no planeta”, detalla a investigadora da UVigo.
A expedición navegará a bordo do Hespérides ata o mar de Bellinghausen na Antártida, onde, durante un mes, o persoal investigador traballará para saber “que efectos ten a materia orgánica de orixe humana nas comunidades microbianas da Antártida e avaliar a capacidade que teñen as bacterias para degradar este contaminantes”, sinala o coordinador do proxecto e investigador do IDAEA-CSIC, Jordi Dachs. Antom-II dá continuidade ao estudo iniciado en decembro de 2020 desde o porto de Vigo, no que se recolleron mostras de aire e auga no océano Atlántico para determinar como se transportaban os contaminantes químicos ata o océano Austral.
Valoracións da primeira expedición
Cando se cumpre un ano da realización da primeira expedición, a investigadora da UVigo sinala que aínda é cedo para falar de resultados definitivos de Antom-I. Non obstante, avanza que “a análise preliminar que puidemos facer dos resultados da campaña, amosa que obtivemos moi bos datos cos que poder traballar e obter conclusións relevantes sobre a interacción entre o fitoplancto mariño e os contaminantes emerxentes, pero aínda nos queda pór os resultados en común co resto de participantes para poder obter unha visión global e polo tanto máis completa”.
Para Cristina Sobrino a valoración da primeira campaña é, polo tanto, “moi boa a nivel de resultados e excelente desde o punto de vista da participación da UVigo. Cónstame que Antonio e Paulo traballaron duro e desenvolveron un papel moi importante e proactivo dentro do grupo”, confirma a investigadora, que considera que traballar na Antártida sempre é un reto polas condicións meteorolóxicas que cambian rapidamente, ao que se lle engade que actividade biolóxica nesta época do ano é moi intensa, “polo que é moi probable que cada estación sexa un mundo diferente con novas situacións técnicas e científicas ás que enfrontarnos”, explica.
A actividade investigadora do Grupo de Oceanografía Biolóxica e en concreto o desenvolvemento desta campaña contou co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do cofinanciamento do CIM no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI