Universidade e Kaleido debaten sobre a innovación aberta como vía de transferencia do traballo científico cara a industria real

Etiquetas
A compañía explicou como o eido académico pode dar resposta ás necesidades das empresas
A compañía explicou como o eido académico pode dar resposta ás necesidades das empresas

A UVigo presentou as capacidades dos centros de investigación e agrupacións

Poñer a ciencia ao servizo da sociedade e potenciar liñas de investigación que sirvan para resolver problemas e demandas do tecido produtivo. Este é o obxectivo da transferencia do coñecemento, un camiño no que a Universidade de Vigo segue a ampliar horizontes, desta volta da man da empresa Kaleido.

Ambas entidades celebraron esta semana un encontro organizado por Campus do Mar e o Centro de Investigación Mariña – CIM, para dar a coñecer entre o persoal investigador da UVigo Kaleido Tech, o ecosistema de innovación aberta co que traballa a empresa loxística e que pode axudar ao mundo académico a identificar necesidades da industria e darlles solucións. Ao mesmo tempo, os representantes da empresa tamén puideron familiarizarse, da man da vicerreitora de Investigación Belén Rubio, coas “capacidades dos centros de investigación e agrupacións da UVigo, coas súas principais liñas de investigación e potencialidade para realizar proxectos de investigación de diversa índole”.

A xornada, na que participaron 49 persoas, xirou arredou da suma de “ideas científicas+proxectos piloto+innovación aberta=solución reais para a industria”. Deste xeito, ambas partes puideron estudar posibles ideas concretas con potencial de materializarse a través dun ecosistema de innovación aberta, como camiño para chegar ao mercado.

 

Alianzas estratéxicas

A intervención da vicerreitora de Investigación centrouse en amosar a Kaleido o potencial investigador da UVigo a través dos seus grupos e agrupacións. En concreto presentoulles atlanTTic – research center for Telecommunication Technologies; Cintecx, Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais; CIM, Centro de Investigación Mariña; Cinbio, Centro de Investigacións Biomédicas; Citmaga – Centro de Investigación e Tecnoloxía de Matemáticas de Galicia; Ecobas, Economics and Business Administration for Society e Citaca – Iberian Food Laboratory. Trátase, remarca Rubio, de “promover a transferencia da Universidade cara ás empresas, en particular con Kaleido, entidade que ten moi forte conexión co CIM, con varios proxectos innovadores do ámbito mariño e da acuicultura, pero tamén proxectos de loxística nos que tanto atlanTTic como Cintecx, por exemplo, teñen un papel moi relevante”. A vicerreitora fixo fincapé en que as novas políticas tanto rexionais como nacionais e europeas (a estratexia RIS4, na Estrategia Española de Ciencia, Tecnología e Innovación 2021-27 e o programa Horizon Europe) “promoven a innovación e a potenciación e o impulso das empresas”.

Áreas prioritarias de traballo

Ao longo da xornada de traballo, tanto o persoal investigador como os representantes da empresa centráronse en tecnoloxías claves como mecánica, intelixencia artificial, visión artificial, realidade aumentada, impresión 3D, big data, blockchain, robótica, drones, eficiencia motor, nanotecnoloxía, bioTech e automatización e mecanización industrial.

Así, os sectores con potencial para estas colaboracións son as telecomunicacións; a loxística e o transporte, tanto terrestre, aéreo, marítimo, automatización de almacéns, control de tempos, trazabilidade, sistemas de localización, etc.; a industria pesqueira, no referido a novas artes de pesca, aproveitamento de subprodutos, eficiencia enerxética, software de xestión, sistemas de frío, sistemas de clasificación ou xestión comercial; a enxeñaría e os materiais de construción; acuicultura, no referido a melloras de produción, vacinas, sistemas de alimentación, trazabilidade, subproductos, etc.; o hábitat; biotecnoloxía mariña e enerxías de orixe mariño.

Actualmente a Universidade de Vigo xa mantén unha colaboración con Kaleido a través da área de Parasitoloxía, do Departamento de Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, no marco da cal están a traballar “nun tema moi interesante de eliminación dos Anisakis”, pero a idea é “estender e potenciar as colaboracións de cara a solicitar proxectos conxuntos e potenciar liñas futuras de desenvolvemento conxunto”, como explica Belén Rubio. Tras a súa presentación e a da empresa, desenvolvéronse 12 encontros bilaterais entre o persoal de Kaleido e dos centros e agrupacións da UVigo dos que xurdiron iniciativas de interese común e posibles colaboracións futuras.

A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.

 

Máis información no DUVI