Investigadores e investigadoras do Centro de Investigacion Mariña da Universidade de Vigo realizaron un estudo sobre o transporte e acumulación de micropolásticos emitidos a través das estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) na ría de Vigo e comprobaron, empregando un modelo de simulación de partículas, como a distribución dos microplásticos depende en gran medida da etapa de marea no momento da súa saída das depuradoras.
Segundo este estudo, a maior concentración de microplásticos modelizada foi observada na costa sur da ría, nas proximidades da cidade de Vigo, concretamente preto de Samil, sendo practicamente inexistente en áreas do interior da ría. O traballo recolle que no caso de mareas vivas, arredor dun 20% dos microplásticos emitidos no interior da ría chegarían ao océano aberto, unha fracción semellante (arredor dun 24%) quedaría nas proximidades das illas Cíes e o restante repartiríase polo conxunto da ría. En condicións de mareas mortas, a cantidade de microplásticos exportados ao océano aberto e á illas Cíes sería “insignificante”.
O estudo consistíu no seguimento virtual dos microplásticos emitidos a partir das sete depuradoras existentes na ría, empregando un módulo lagranxiano do programa hidrodinámico Delft3D. Segundo explican as e os autores do traballo, “estímase que as centrais de tratamento de augas residuais son a principal fonte de microplásticos (< 5 mm) en zonas costeiras debido ao lavado de prendas cun alto contido en fibras plásticas como poden ser PET ou nailon”. Os resultados teñen un importante grao de xeneralidade, sen depender do tipo específico de microplástico vertido, pois o comportamento das partículas é “practicamente independente” das características particulares dos microplásticos (tamaño e densidade). O modelo desenvolvido foi calibrado previamente con datos de campo relativos á concentración de microplásticos en mexillóns de rocha en diferentes zonas da ría, o que outorga ao traballo “un considerable grao de confianza nos resultados obtidos”, salientan os e as investigadores e investigadoras.
O traballo foi publicado recentemente na revista Marine Pollution Bulletin nun artigo titulado Modelling the distribution of microplastics released by wastewater treatment plants in Ria de Vigo (NW Iberian Peninsula). Está asinado por Maite de Castro, Marisela Des, José Luis Gómez Gesteira e Moncho Gómez Gesteira, do grupo Ephyslab (CIM, Universidade de Vigo); Magda Sousa, Américo Ribeiro e Joao Dias, da Universidade de Aveiro (Portugal), e Jesús Gago, do Centro Oceanográfico de Vigo (IEO).
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.
Máis información no DUVI