Despois de varios anos dedicados ao estudo taxonómico da biodiversidade dos fondos da costa noroccidental africana, o grupo de investigación de Bioloxía Ambiental do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, CIM, acaba de publicar un artigo no que se dá a coñecer unha listaxe actualizada de 138 especies de cefalópodos para toda a zona do Gran Ecosistema Mariño da Corrente de Canarias, CCLME, onde se alberga un dos catro principais sistemas de afloramento mariño a nivel mundial e se produce a maior industria pesqueira da costa atlántica africana.
O estudo, realizado xunto co Instituto Español de Oceanografía, baséase nas coleccións recollidas en 1247 estacións de arrastre de fondo durante dez campañas levadas a cabo entre 2004 e 2012 ao abeiro do proxecto de investigación EcoAfrik (UVigo-IEO), dirixido por Fran Ramil e Ana Ramos, e posto en marcha co obxectivo de analizar a biodiversidade dos ecosistemas bentónicos que ocupan os fondos da costa noroccidental africana.
Os seus resultados acaban de facerse público a través da revista internacional Journal of Marine Biological Association of United Kingdom, especializada en bioloxía mariña. “Durante estes estudos obtívose unha enorme cantidade de datos cuantitativos biolóxicos, parámetros ambientais da columna de auga e dos fondos mariños e importantes coleccións de invertebrados bentónicos”, explica a investigadora da Universidade de Vigo Amanda Luna, autora do artigo xunto ao tamén investigador do CIM Francisco Rocha e a investigadora do Instituto Español de Oceanografía Catalina Perales-Raya.
Ampliouse a distribución xeográfica de varias especies e descubríronse outras
Ademais de actualizar a listaxe de cefalópodos para toda a zona do CCLME, o equipo de investigación encontrou tamén como varias das especies estudadas viron ampliada a súa distribución xeográfica coñecida, como é o caso dalgúns polbos de profundidade -como Muusoctopus januarii, Bathypolypus valdiviae ou Cirrothauma murrayi– e varias luras oceánicas -como Abralia siedleckyi, Magnoteuthis magna o Chtenopteryx sicula-, algunhas das cales se rexistraron por primeira vez na zona. “As coleccións de EcoAfrik representan unha fonte excepcional de información que proporcionará unha visión global da biodiversidade, composición e distribución dos cefalópdos do noroestes de África”, recalca a investigadora.
Os estudos foron realizados ao longo da plataforma continental e o noiro fronte a Marrocos, Sáhara occidental, Mauritania, Senegal, Gambia, Guinea-Bissau e Guinea e, aínda que a maioría das especies de cefalópodos con valor comercial nesta rexión foron ben estudadas, seguen a descoñecerse moitos aspectos da sistemática, distribución, bioxeografía e ecoloxía de outros cefalópodos.
Sacando á luz múltiples especies dos ecosistemas mariños no noroeste de África
O equipo de investigación de EcoAfrik leva anos estudando sen descanso o bentos da costa noroccidental africana, realizando campañas oceanográficas e publicando multitude de publicacións cos resultados destas campañas, entre as que se inclúen varias teses de doutoramento, artigos científicos, informes técnicos e libros relacionados coa biodiversidade do CCLME.
O artigo publicado este luns recolle, precisamente, parte dos resultados da tese de doutoramento de Amanda Luna. “O meu traballo consistiu na identificación taxonómica das especies e a actualización da listaxe faunística dos cefalópodos da zona, revisando toda a bibliografía existente sobre o tema”, salienta a investigadora, ao que engade que, ademais da taxonomía, realizou tamén a posterior análise bioxegráfica e ecolóxica das especies que se atoparon, cuxos resultados verán a luz proximamente en forma de diferentes artigos científicos. Leva estudando cefalópodos sete anos e máis de dez como taxónoma. De toda esta experiencia considera que o máis interesante é “poder ver e identificar con claridade especies que nunca vira máis aló dos libros, intercambiando impresións con outros investigadores que levan anos traballando nisto e aos que admiro”, subliña Luna.
Pola súa banda o profesor Francisco Rocha, coautor deste artigo, xa publicara en 2017 xunto a outros investigadores de EcoAfrik, un inventario das especies de cefalópodos de parte do noroeste de África, concretamente das costas de Mauritania. Ademais, a outra coautora, Catalina Perales-Raya, investigadora do Centro Oceanográfico de Canarias –pertencente ao IEO- é especialista en bioloxía e pesqueiras de cefalópodos do Atlántico e ten realizado importantes estudos sobre o polbo común (Octopus vulgaris).
A actividade investigadora do CIM conta co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea, a través do seu cofinanciamento ao abeiro do Programa Operativo FEDER/FSE Galicia 2014-2020.
Fonte: DUVI