A Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo presentou no acto de conmemoración do Día Internacional da Muller un dos seus últimos proxectos: a publicación «Quero ser investigadora». Son dez pequenas historias, ao xeito dun conto, a través das que se difunde a experiencia e vivencias de dez científicas que apostaron por facer o que lles gusta e por colaborar no avance da sociedade traballando desde a Universidade de Vigo. Entre elas, Elena Ojea, investigadora do Future Oceans Lab do CIM-UVigo.
O obxectivo fundamental é valorar e visibilizar mulleres científicas contemporáneas, pioneiras en moitos casos, e espertar a vocación investigadora entre as e os máis cativos, con figuras femininas da súa contorna como referencia. Isto vén dado porque, nos últimos anos, no ámbito científico estase a incidir na visibilización da muller para fomentar a súa participación neste ámbito como parte dunha estratexia coa que se pretende favorecer un mundo máis xusto e igualitario onde as mulleres teñan presenza nas áreas de coñecemento primordiais nos vindeiros anos. Porén, nestes casos, sempre se fai referencia a mulleres de gran talento como Marie Curie, Jane Godwall, Ada Lovelace etc., que non son coetáneas das rapazas e rapaces e que, incluso, quedan moi afastadas, xeograficamente falando, destas nenas e nenos.
Desde a Unidade de Cultura Científica e da Innovación pretendeuse que este proxecto rompese moldes, apostando por ofrecerlles ás novas xeracións exemplos de investigadoras actuais e que están moito máis preto do que normalmente se pensa. Trátase de Julia Armesto González, Lola Dopico Aneiros, Francisca Fariña Rivera, Ana Garriga Domínguez, María Lameiras Fernández, Elena Ojea Fernández Colmeiro, Lorena Otero Cerdeira, María Concepción Paz Penín, Elena Sánchez Trigo e Diana Valverde Pérez.
A finalidade é que as rapazas e rapaces coñezan a estas persoas e, para iso, repartirase en institutos de secundaria de toda Galicia en colaboración coa Vicerreitoría de Captación de alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria. Ademais, estará dispoñible na páxina web da univesidade e acompañarase dunha sinxela unidade didáctica coa que se facilitará o traballo con esta ferramenta na clase.
Coñece ás protagonistas de «Quero ser investigadora»
Fonte: Unidade de Cultura Científica da Universidade de Vigo