Fas investigación mariña? Queres participar no concurso MARatón?

Etiquetas

Achegar á cidadanía a investigación mariña realizada na Universidade de Vigo dunha forma relaxada, fácil e divertida. Este é o gran reto co que nace MARatón, un novo concurso impulsado polo Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños e o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, e co que se busca que as e os participantes capten a atención do público non especializado en moi pouco tempo, oito minutos nos que teñen que expor en que consiste o seu traballo científico.

MARatón nace da man da investigadora María Fernández, estudante de predoutoramento da UVigo e unha das gañadoras da edición 2018 do certame de divulgación Somos científicos: sácanos de aquí, unha iniciativa dirixida neste caso a captar a atención de estudantes de entre 16 e 18 anos de cara a lograr que vexan a ciencia como unha boa saída laboral. Os gañadores do certame, como é o caso desta investigadora viguesa, deben destinar o premio concedido á realización dunha actividade que continúe a súa carreira como divulgadores, desde crear un blog ata lanzar unha canle en Youtube, etc. “No meu caso decidín organizar un concurso científico que non soamente aproxime a ciencia ao público vigués, senón que tamén anime aos científicos a contar o seu traballo de maneira simple e sintetizada”, explica Fernández.

A cita será os días 7 e 8 de maio no Tinta negra bar

A cita será os días 7 e 8 de maio no Tinta negra bar (rúa Irmandiños, 2, Vigo) entre as 20.00 e as 22.00 horas e nela poden anotarse tanto investigadoras e investigadores de entidades públicas (universidades, centros de investigación, etc.) e privadas, coma estudantes de doutoramento, traballo fin de mestrado ou fin de grao que estean a comezar a súa carreira como investigadores/as e queiran compartila. “O único requisito é que sexan persoas dinámicas e que teñan ganas de compartir o seu traballo co público dunha maneira creativa e sintetizada”, explica a investigadora viguesa, ao tempo que fai fincapé en que se trata dunha oportunidade “moi boa para aprender a contar o teu traballo dunha maneira simple á vez que se consegue o interese do público no campo mariño”.

Desde a organización agardan que nesta primeira edición de MARatón se anime a participar moita xente nova, xa que lles servirá para practicar a arte da comunicación, necesaria para as  exposicións que terán que realizar diante do público ao longo da súa carreira investigadora (congresos, presentación da tese, etc.). “Ao mesmo tempo, desexamos que investigadores máis experimentados vexan este certame como unha oportunidade de amosar a súa investigación á cidadanía e, deste xeito, axudar a que entendan a importancia e a aplicación do seu traballo”, recalca Fernández.

Premios e certificados de participación

Nesta primeira edición do concurso ademais dun premio para o gañador ou gañadora, haberá tamén sorpresas para o resto de persoas que interveñan, así como certificados de participación. Para inscribirse as persoas interesadas deben enviar un correo a María Fernández ao enderezo rexenmar@uvigo.es co asunto Inscrición MARatón, no que especifiquen o título da charla, o seu nome completo e un correo electrónico de contacto. As inscricións manteranse abertas ata o vindeiro venres 26 de abril.

“Gustaríanos que todas aquelas persoas que dubiden en formar parte desta primeira edición de MARatón, vexan este certame como unha oportunidade para mellorar a súa capacidade de oratoria diante de público non experto”, explica a impulsora do concurso, ao que Alba Hernández, técnica de investigación da Ecimat e responsable de comunicación e divulgación do CIM-UVigo, engade o feito de que a cidadanía está cada vez máis interesada na ciencia e nos problemas aos que se enfronta o medio ambiente, polo que, “aos máis indecisos, diríalles que é a mellor e máis sinxela maneira de practicar a exposición en público, xa que este concurso é de carácter informal e está aberto a un público interesado e non especializado, que non os someterá a exame, senón que recibirá de bo agrado todo o que lle poidan contar sobre ciencia”.

Cartel MARaton (PDF, 960 Kb)

Fonte: DUVI