A Universidade e a Consellería do Mar asinan un convenio de colaboración para mellorar a xestión da pesquería da navalla

Convenio navalla firma

A navalla é un marisco bivalvo que, aínda que no pasado apenas tiña valor, na actualidade tense convertido nun recurso de alto valor comercial. De entre todas as zonas de explotación, a Ría de Vigo é a máis produtiva, aportando no ano 2016 133 toneladas e uns ingresos de 1,5 millóns de euros. En Galicia, os bancos son explotados manualmente mediante mergullo dunha forma altamente selectiva. Sen embargo, nos últimos anos sufriron unha alta taxa de explotación, a pesar de que o seu rendemento máximo sustentable aínda se descoñece. A pesqueira da navalla enfróntase ademais a un problema durante os meses de inverno posto que unha alta porcentaxe de individuos rompen polo pé ao ser capturados debido ao desenvolvemento da gónada dentro do pé no período de madurez, sendo descartados por non ser comercializados. Co fin de evitar este problema ou reducilo ao máximo posible, a explotación detense xeralmente por iniciativa dos recolectores durante un ou dous meses durante o inverno. Sen embargo, o coñecemento previo do estado gonadal tanto polos recolectores como pola Administración axudaría a reducir os decartes e axilizaría os trámites administrativos necesarios para a rotación entre bancos.

Con este obxectivo e continuando cos estudios xa iniciados na Ría de Pontevedra polo grupo de Ecoloxía Costeira, liderados por Elsa Vázquez, arrancará un proxecto de investigación na ría de Vigo da man da Universidade e da Consellería do Mar. O reitor, Salustiano Mato, e a conselleira, Rosa Quintana, asinaron este luns un convenio de colaboración que permitirá traballar de xeito conxunto á comunidade científica co sector e a administración. O obxectivo deste proxecto é dar soporte biolóxico e tecnolóxico á xestión da pesqueira da navalla, estudando a heteroxeneidade espacial na reprodución e mellorando os métodos de estudo e visualización do estado gonadal dos bancos xa inciados en estudos previos. A maiores, realizaranse estudos da distribución do stock e evaluarase a posible aplicación de modelos de estimación do estado dos stocks partindo de datos limitados. A finalidade é promover unha explotación baseada en información biolóxica obtida de forma continua que se recollerá nunha aplicación informática e que permitirá reducir os períodos de peche e os descartes de exemplares.

Información recollida e dispoñible a tempo real

A investigación, cun orzamento de 166.000 euros e vixente ata agosto do ano 2020, estudará a variabilidade do ciclo reprodutivo e talla da primeira posta da navalla na ría viguesa, dende os bancos máis interiores como o de Rande ata os máis exteriores, nas illas Cíes. “A información biolóxica será recollida polos mergulladores e polas asistencias técnicas das confrarías, que serán os encargados de introducir eses datos na aplicación”, como detallaba Alba Hernández, técnica do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo e responsable dos estudos xa realizados na Ría de Pontevedra. Así, contarase con coñecementos en tempo real que permitan, como explicaba a conselleira, “maior axilidade na toma de decisións para a xestión deste recurso”. O reitor da Universidade destacou a importancia deste acordo porque “permite que o persoal científico da Universidade traballe da man da administración e achegue os seus coñecementos ao mundo real” e remarcou o papel tanto do Campus do Mar, como do Centro de Investigación Mariña e do Centro Singular de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación atlanTTic, que serán os organismos participantes da nosa Universidade, xunto co Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Todos eles traballarán da man das confrarías que están explotando a navalla na ría de Vigo, que reúnen 52 embarcación e 78 mergulladores.

Do deseño da ferramenta informática encargaranse expertos de atlanTTic. Como explica Francisco Javier González Castaño, director do Grupo de Tecnoloxías da Información, tomarán os resultados da Ecimat e a experiencia de campo do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) para “converter os seus resultados nunha aplicación móbil de análise de datos que permita que os mariscadores poidan identificar o mellor momento para realizar o seu labor”. A través desta ferramenta, que se poderá empregar tanto dende os teléfonos como dende os equipos de sobremesa, os traballadores poderán coñecer o estado do recurso nos distintos bancos marisqueiros e reducir os períodos de peche dos bancos de navalla e os descartes de exemplares. Neste sentido, o reitor explicaba que “é importante non extraer navalla no período de ruptura, o período máis importante do seu ciclo de vida, o da madurez gonadal, por un lado, porque é un período crítico para a especie e, por outro, porque esas rupturas reducen o valor comercial das capturas”.

Estudo previo na ría de Pontevedra

Alba Hernández explicaba na rolda de prensa que este proxecto nace dun estudo científico previo desenvolvido na ría de Pontevedra coa confraría de Bueu, no que se comprobou que “existe un desprazamento do ciclo gonadal entre a parte interna e externa do banco, xa que a navalla madura antes no interior ca no exterior da ría”. Contando con esta información actualizada, que obterían da aplicación informática, os mergulladores “poderíanse ir desprazando polos bancos segundo o estado de madurez da especie” evitando a captura de exemplares en período de ruptura. Isto permitirá reducir ou evitar as vedas e peches totais da ría e, de feito, neste estudo previo “conseguiuse reducir a veda de dous meses a un mes”.

Metodoloxías con datos limitados

Outra das partes do proxecto será coordinada polo científico Gonzalo Macho, do grupo de Ecoloxía Costeira, que se encargará de avaliar o estado do recurso empregando diferentes metodoloxías apropiadas para pescarías con datos limitados, como son as pesqueiras tradicionais. Probaranse métodos baseados nos parámetros do ciclo de vida, nas capturas ou nas tallas de capturas. Estes modelos empregan teorías científicas comprobadas e precisan poucos datos para coñecer o estado do stock, a abundancia, a dinámica ao longo dos anos, etc. Trátase dun modelo, como engadía Hernández, “que se están empregando na FAO e noutros organismos mundiais, pero que nunca se introduciu en Galicia, polo que se probará a súa eficiencia no sector da navalla e avaliarase a posibilidade de aplicarse a outras especies”.