Paula Diz, investigadora do Centro de Investigación Mariña, participa nunha novidosa expedición para a extracción de rexistros sedimentarios no rift de Corinto

PaulaDiz RiftCorinto1

O rift de Corinto, unha fosa tectónica alongada onde a codia terrestre sofre distensións por causa da separación das placas tectónicas, situado no golfo do mesmo nome, en augas de Grecia, é unha das áreas sismicamente máis activas de Europa. Creado hai 5 millóns de anos, trátase dun rift relativamente novo e ten unhas características moi particulares que o diferencian doutras zonas de rifting continental, como son as súas elevadas taxas de extensión, de entre 10 e 15 milímetros ao ano, e as súas altas cotas de sedimentación. Aínda que a zona ten sido estudada anteriormente, nunca antes se puideron obter rexistros sedimentarios de centos de metros en áreas moi concretas, a onde só se pode acceder empregando buques especialmente preparados para elo. Promovida pola International Ocean Discovery Program, IODP, a organización internacional máis importante na exploración do sedimentos e rocas do fondo mariño, e coordinada polo European Consortium for Ocean Research, ECORD, hoxe comeza a IODP Expedition 381, cunha duración de 12 semanas, oito a bordo do barco Synergy Fugro e catro en terra e na que participarán unha trintena de investigadoras e investigadores de países europeos, EEUU, Australia, India, Brasil e China. A investigadora e docente do Departamento de Xeociencia Mariña e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo Paula Diz Ferreiro é a única representante española nesta expedición internacional, que permitirá obter rexistros sedimentarios únicos con respecto a expedicións anteriores desenvolvidas no rift de Corinto.

“O meu papel principal nesta campaña será proporcionar información biostratigráfica baseada en foraminíferos planctónicos e contribuír ao coñecemento das características de ambientes pasados mediante a análise das asociacións de foraminíferos bentónicos. Traballarei xunto a outro paleontólogo especialista en nanoplancto, que contribuirá tamén ao establecemento da cronoloxía dos sedimentos”, explica a paleontóloga desde Corinto, sobre a súa función nesta expedición, na que tamén participan especialistas en áreas como propiedades físicas, xeoquímica inorgánica, xeoquímica orgánica e xeoloxía estrutural, entre outros.

Un laboratorio único para o coñecemento inicial do rift, a tectónica e os cambios climáticos

“Participar nesta campaña representa unha oportunidade única xa que está auspiciada pola organización internacional máis importante na exploración do sedimentos e das rocas do fondo mariño. O contexto científico da expedición é único no sentido de que investigadores de múltiples disciplinas traballan de xeito simultáneo para dar resposta ás preguntas que motivan esta expedición”, explica Paula Diz, que tamén destaca o interese científico da proposta, xa que os resultados que se obteñan achegarán un importante avance no coñecemento dos rifts continentais.

Tendo en conta que a información sobre a evolución do rift provén na súa maior parte de interpretacións baseadas en estratigrafía sísmica, e un coñecemento íntegro desta particular área precisa da obtención dun rexistro sedimentario (core), que achegue información a unha alta resolución temporal e espacial, IOPD Expedition 381 centrarase na procura de rexistros sedimentarios en tres zonas relevantes do rift de Corinto. “Agardamos que estes rexistros permitan dar resposta a varios obxectivos, como son: determinar como foi a evolución do rift ao longo do tempo; establecer como o desenvolvemento do rift e o movemento de fallas modificou a deposición dos sedimentos; establecer as implicacións do desenvolvemento do rift na actividade sísmica da zona e establecer a reconstrución paleoambiental e paleoclimática dos sedimentos do rift e contribuír ao coñecemento do clima do Mediterráneo este durante o Pleistoceno”, detalla a investigadora da Universidade de Vigo.

A primeira fase da expedición, que se desenvolverá a bordo do barco no rift de Corinto, ten como obxectivo a perforación do fondo oceánico para obter rexistros sedimentarios, así como a obtención de análises sedimentolóxicos, químicos, micropaleontolóxicos e físicos preliminares. “Estes análises son moi relevantes para obter unha información preliminar da evolución da zona de estudo ao longo do tempo”, explica Paula Diz, que ademais de nesta fase offshore, tamén tomará parte na onshore, que terá lugar en Bremen, Alemaña, e na que se obterán mostras a intervalos específicos dos rexistros sedimentarios recollidos na primeira fase, co fin de realizar medidas físico-químicas, sedimentolóxicas, micropaleontolóxicas e magnéticas detalladas do sedimento.

Un babel de coñecemento

Liderada pola profesora a Universidade de Southampton Lisa McNeill e pola tamén docente e investigadora da Lamont-Doherty Earth Observatory of Columbia University Donna Shillington, na expedición participan 30 investigadoras e investigadores, dos que 16 son de países membros de ECORD, oito de EEUU, catro de Grecia, un de Australia, India, Brasil e China. Os custos operativos da expedición están financiados polas contribucións dos gobernos das 14 nacións europeas e Canadá que forman parte do ECORD, mentres que o apoio científico tamén procede de IODP.

“España achega moi poucos cartos a o consorcio e tampouco paga os gastos de transporte ou dietas. Os custos de viaxar a Grecia pagounos o me grupo de investigación e outros gastos que xorden estounos pagando eu mesma”, explica a paleontóloga especializada en foraminíferos, que no ano 2012 xa tomara parte noutra expedición de IODP.

PaulaDiz RiftCorinto equipo

Parte do equipo que participa la expedición. Paula Diz, cuarta pola esquerda.

 

Fonte: duvi