Campus do Mar e Adega chaman á participación cidadá para limpar unha vintena de areais galegos

Etiquetas
Foto limpeza

Tapóns, bolsas, anacos de redes ou de cordas de nailon, son exemplos de restos de orixe plástico que alén do seu impacto visual supoñen un perigo para a fauna e a flora mariña e mesmo representarían, pola súa transferencia trófica, un risco para os seres humanos. Co obxectivo de dar a coñecer a problemática ambiental do lixo mariño que afecta a todos os mares e océanos do planeta e contribuír a minimizar este impacto Campus do Mar e o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo e Adega, organizan o vindeiro 11 de novembro unha limpeza simultánea nunha vintena de praias galegas.

Concellos participantes e cómo inscribirse

Cedeira, Fisterra, Muros, Muxía, Porto do Son, Rianxo, Carballo, Ribadeo, Moaña, Baiona e Nigrán son algúns dos concellos nos que se van realizar limpezas. Todas as persoas que o desexen poderán participar de modo voluntario inscribíndose ata o 10 de novembro (antes das 13:00 h) nos enderezos campusmar@uvigo.es (concellos da Ría de Vigo) e adega@adega.gal (resto de concellos). Para o correcto desenvolvemento da limpeza haberá coordinadores por cada grupo de voluntarios. Éstes terán que incribirse como voluntarios-coordinadores antes do 6 de novembro no enderezo campusmar@uvigo.es e asistir á xornada de formación gratuita que se desenvolverá o día 9 de 16:00 a 19:30 na Universidade de Vigo. Todos aqueles coordinadores que non podan asistir ou os voluntarios interesados nesta xornada de formación poderán seguila en directo en http://tv.campusdomar.es/live.

Por unha limpeza ecolóxica

As persoas que participen na limpeza dalgúns dos areais elixidos para desenvolver esta actividade recibirán un novo protocolo no que se explica de xeito sinxelo os pasos a seguir durante e despois da limpeza co obxectivo de realizar esta tarefa de xeito ecolóxico. Así, aconséllase durante a realización da limpeza a utilización de luvas e calzado para evitar feridas, a separación de diferente tipos de lixo para logo depositalos en cadanseu contedor ou non tocar os animais mortos. O lixo recollido debe será pesado para estimar o seu volume, así mesmo, realizaráse una avaliación conxunta e un informe coas imaxes obtidas.

Con esta proposta, Campus do Mar e o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade de Vigo pretenden contribuír unha vez máis á concienciación sobre a importancia dos valores da nosa costa, a problemática dalgúns impactos antropoxénicos como son a contaminación mariña, as algas invasoras ou a alteración do ecosistema, así como promover as medidas que cada cidadán pode levar a cabo para minimizar estes impactos, ofrecendo os seus coñecementos o servizo das persoas voluntarias.

A actividade acada a súa sétima edición, despois que Adega comezase a organizala no ano 2012. Desde o Centro de Investigacións Mariñas da Universidade apúntase á limpeza do 11 de novembro como “a primeira edición dun programa que pretende ser consolidado e ampliado nos vindeiro anos, nos que se buscará a participación cidadá na obtención de resultados sobre o estado da costa e a proposta de medidas que promovan unha xestión sostible dos ecosistemas e os recursos mariños”, explican Antonio Villanueva e Alba Hernández, xestor e responsable das actividades de divulgación do centro de investigación, respectivamente.

Máis información:

http://adega.gal/axenda.php?id=472&idioma=gl&sec=12

Adega: 981 570 099

Campus do Mar: 986 13 00 00

Descargar cartel da actividade de limpeza

Descargar cartel da actividade de formación

 

Fonte: DUVI