O xoves día 6 de xullo Francisco José Santos, investigador pos-doutoral da Universidade de Vigo e a Universidade de Aveiro, presentará a conferencia “Influence of climate change on offshore renewable energy” dentro do Ciclo de conferencias científicas Café con Sal. A conferencia terá lugar no salón de actos da ECIMAT ás 11:00h e será retransmitida en directo por UVigoTV.
O cambio climático e a necesidade de apostar por fontes de enerxías renovables como a enerxia eólica é unha evidencia. Os parques eólicos actuais veránse afectados polas variacións do clima, polo que resulta fundamental estudiar e planificar a súa ubicación en función do pronóstico do cambio das condicións meteorolóxicas co fin de ubicar as mesmas nas zonas de maior potencial para obter a máxima rentabilidade dos mesmos. Durante esta conferencia Fran Santos dará a coñecer algúns dos aspectos máis importantes da enerxía eólica e nos presentará un estudio sobre a súa viabilidade futura, na que se comparan datos tomados in-situ con datos de modelos climáticos, comparación nunca realizada ata o momento.
Este estudo, financiado por The Portuguese Science Founding (FCT), está a ser realizado polo grupo de investigación de Física Ambiental (Ephyslab) da Universidade de Vigo, en colaboración co Departamento de Física da Universidade de Aveiro e a “Global Modeling and Assimilation Office (GMAO, NASA).