O xoves día 18 de maio ás 11h, no salón de actos da ECIMAT, terá lugar unha nova sesión do Ciclo de Conferencias Café con Sal. Nesta ocasión será Tania Ballesteros, técnica de apoio á investigación da área de recursos biolóxicos e cultivos mariños do Centro Singular CSIM-ECIMAT, quen nos presentará os primeiros resultados do estudio do ciclo reprodutivo do cogombro de mar Holothuria forskali na Ría de Vigo.
Os cogombros de mar son un recurso mariño moi cobizado en Oriente e nas costas Mediterráneas, e a procura de novas especies noutras áreas de distribución está en auxe por mor da sobreexplotación das pesqueiras tradicionais. En Galicia a explotación dos cogombros de mar comezou no ano 2013 coa explotación do Parastichopus regalis pola Cooperativa de Armadores de Vigo como especie produto de descarte procedente do Gran Sol. No ano 2016 apróbanse os primeiros plans de explotación da especie Holothuria forskali para as confrarías de pescadores de Cangas, o Grove, Coruña e Barallobre, o que supuxo unha extracción de 50 toneladas. Para o ano 2017 cabe esperar que estas cifras aumenten como consecuencia da aprobación de novos plans de explotación ó longo da costa galega.
A pesar das elevadas capturas e da concesión de novos plans de explotación en Galicia, aínda se descoñecen moitos aspectos da bioloxía desta especie como son a reprodución, esencial para o establecemento de vedas – tan só estudiada en Portugal e Reino Unido- , o crecemento, necesario para coñecer a idade á cal os individuos forman parte da biomasa explotable, ou a estandarización dunhas medidas biométricas que permitan controlar a evolución do stock.
Ante estas necesidades a confaría de Cangas e o Centro Singular CSIM-ECIMAT comezan a facer o seguemento do ciclo reprodutivo e a establecer sinerxias e liñas de traballo con outros axentes interesados, co fin de deseñar as liñas de investigación e colaboración necesarias para incrementar os estudos sobre este recurso e así asegurar a súa explotación pesqueira sustentable.
Nesta conferencia Tania Ballesteros nos presentará os resultados preliminares do ciclo reprodutivo desta especie, así como as liñas de investigación que se están a abrir na actualidade.
Ver cartel da Conferencia e Programa Completo do Ciclo de Conferencias Café con Sal.