O día 4 de maio Anxo Sánchez presentará na ECIMAT a conferencia “Energetic use of algae” dentro do programa “Café con Sal”

Raceway Anxo

O xoves día 4 de maio, Anxo Sánchez, catedrático de Enxeñería Química da Universidade de Vigo, presentará a conferencia titulada “Energetic use of algae“. A conferencia está englobada dentro do Ciclo de Conferencias científicas “Café con Sal” e terá lugar no salón de actos da ECIMAT ás 11:00h.

A escaseza de recursos enerxéticos, a dependencia externa e a inestabilidade xeopolítica das zonas de produción de petróleo levaron a moitos países, incluídos os europeos, a incrementar os recursos dedicados á procura de novas fontes de enerxía, entre elas as renovables. Unha destas fontes de combustible alternativas son as algas, en especial as microalgas, que converten a luz solar en enerxía almacenándoa en forma de aceite e outras substancias de alto valor económico. Así, a partir do aceite das algas sintetízase biodiesel mentres que partir dos hidrato de carbono prodúcese bioetanol. Ademais, ambos procesos de síntese xeran uns residuos que resultan útiles para a fabricación de pellets combustibles.  O cultivo de microalgas presenta múltiple vantaxes fronte a outros cultivos enerxéticos ou ao uso doutro tipo de biomasa xa que o seu cultivo pode darse en todo tipo de condicións (diferentes climas, tipos de auga, etc.) e a súa produción de biodiésel é moito maior que a obtida mediante o cultivo de plantas terrestres.

A pesar das citadas vantaxes e de que o cultivo de microalgas constitúe unha fonte de combustible limpa, barata e de produción local que pode axudar a reducir a dependencia de España do petróleo estranxeiro, é necesario aínda un importante esforzo de investigación. Durante a conferencia Anxo Sánchez nos presentará a situación actual e o traballo de investigación que está a desenvolver o seu grupo de investigación no aproveitamento enerxético das microalgas.

A conferencia será retransmitida en directo en UVigoTV e publicada posteriormente na nosa web.

Ver cartel da Conferencia e Programa Completo do Ciclo de Conferencias Café con Sal.