A Facultade de Bioloxía será a sede este verán da undécima edición do congreso da Asociación Ibérica de Endocrinoloxía Comparada, un encontro internacional de científicas e científicos especializados no estudo dos sistemas endócrinos dos animais, tanto en vertebrados (peixes, anfibios, réptiles , aves…) como invertebrados (insectos, moluscos, crustáceos…). A cita está coordinada polo catedrático José Luis Soengas, director do Laboratorio de Fisioloxía de Peixes e investigador do Centro Singular de Investigación Mariña ECIMAT, que explica que os principais sectores nos que inciden os estudos desta rama científica, son todos os relacionados coa produción animal, sobre todo a acuicultura de peixes, que é o eido no que traballan a maioría dos grupos de investigación, tanto de España como de Portugal, relacionados con estas cuestións.
O congreso celebrarase do 13 ao 15 de xullo e nel participarán arredor dun cento de especialistas que presentarán as investigacións máis recentes que se teñen acadado neste eido, tanto de universidades como de centros de investigación, mediante a presentación de múltiples comunicacións, tanto orais como en formato póster. “A maiores, celebraranse tamén tres sesións plenarias e outros tres relatorios ‘state of the art’ nos que recoñecidos especialistas poñerán ás persoas asistentes ao día en temáticas concretas”, explica o presidente do comité organizador, que apunta tamén que a lingua oficial do congreso é o inglés, “o que favorece a presentación de comunicacións por parte de investigadores estranxeiros”.
“Todos os procesos vitais nos animais están regulados dun xeito ou outro polas hormonas”
O equipo de organizadores do congreso, do que tamén forman parte o decano da facultade de Bioloxía, Jesús Míguez, e o responsable de Calidade Ambiental da Ecimat, Antonio Villanueva, explican que a endocrinoloxía é a parte da fisioloxía animal que se encarga do estudo das hormonas. “Os animais teñen diferentes hormonas organizadas no que coñecemos como sistema endócrino que son, xunto co sistema nervioso, o seu mecanismo principal de regulación”, explica Soengas, que fai fincapé en que as hormonas/sistema endócrino participan na regulación do metabolismo, do crecemento, da reprodución, da osmorregulación… “Practicamente todos os procesos vitais nos animais están regulados dun xeito ou outro polas hormonas”, recalca o investigador, ao que engade que os primeiros animais nos que se estudaron os seus sistemas endócrinos foron os mamíferos, incluíndo a especie humana “e iso é do que se encarga a endocrinoloxía en xeral, con todas as súas implicacións médicas”, recalca o investigador.
Investigación dirixida a mellorar os procedementos empregados na industria acuícola
No caso da endocrinoloxía comparada, afondar no funcionamento dos diferentes sistemas endócrinos dun animal permite coñecer e optimizar os diferentes procesos que ocorren no mesmo cara a optimizar o seu cultivo ou produción, “desde facer que medre máis ou que aproveite mellor o alimento ata que se reproduza nun momento determinado”, explica o coordinador do congreso. Nesta liña, Soengas salienta que os distintos grupos de animais obxecto de estudo na fisioloxía comparada son moi importantes no eido da produción animal, sobre todo na acuicultura, e dentro da mesma a produción de: peixes (tanto de auga doce como a troita, a carpa ou a tilapia, como de auga de mar, caso do rodaballo, a dourada, a robaliza, etc.); moluscos (ameixa, ostra, etc); crustáceos (lagostino, lagosta, etc), e tamén na avicultura (diferentes aves como galiñas, patos, pavos…), etc.
“En España e Portugal a maioría dos grupos de investigación relacionados coa endocrinoloxía comparada, incluíndo o noso laboratorio, traballan no eido da acuicultura de peixes abordando sistemas endócrinos implicados no control do crecemento, da reprodución, do metabolismo, da resposta de estrés, da pigmentación, da alimentación, da regulación iónica, etc.”, explica o responsable do congreso, ao tempo que fai referencia a que o coñecemento dos mecanismos endócrinos implicados na regulación deses procesos permite mellorar os procedementos que se empregan na industria acuícola.
A metade do peixe consumido na península ibérica procede da acuicultura
Desde o Laboratorio de Fisioloxía Animal, explican que a acuicultura é hoxe en día a actividade económica con maior proxección no eido da produción animal, contribuíndo a xerar produtos de gran valor comercial e respondendo a novos retos da sociedade, como son a mellora na sostibilidade dos recursos naturais e a obtención de alimentos sans e seguros. “Como prevé a FAO, debido á progresiva redución da pesca extractiva tradicional, a acuicultura é a única posibilidade de proporcionar, dun modo sustentable, peixe para alimentación humana e actualmente supón aproximadamente a metade do pescado para consumo humano”, explica Soengas, que recalca o feito de que a forte relación entre endocrinoloxía comparada e acuicultura en España e Portugal fai que o congreso estea co-organizado polo Centro Singular de Investigación Mariña – ECIMAT da Universidade de Vigo que ten dentro da súa estrutura unha unidade de Cultivos Mariños á que pertence o seu grupo.
Fonte: duvi