A VI edición do programa “Café con Sal” despídese coa conferencia titulada “Identification of Xenostrobus securis larvae using monoclonal antibodies”

PortadaAgar

O vindeiro xoves día 1 de decembro ás 11:00 h rematamos a VI edición do Programa Café con Sal. Agar Montes, estudante de doutoramento da Universidade de Vigo, despedirá esta edición coa conferencia titulada “Identification of Xenostrobus securis larvae using monoclonal antibodies“.

Xenostrobus securis (Lamarck 1819) (fotografía), coñecido como mexillón pigmeo, é unha especie nativa de Australia e Nova Zelandia, típica de ambientes salobres. Foi rexistrada como especie invasora por primeira vez nas lagoas das costas italianas, onde continuou a súa expansión polo Mediterráneo ata chegar á Península Ibérica, alcanzando a Ría de Vigo e posteriormente a Ría de Pontevedra. Aínda que hai estudos sobre os factores que afectan á distribución e abundancia de X. securis nas Rías Baixas de Galicia, non hai información sobre os procesos de pre-recrutamento ou post-recrutamento, os cales axudarían a comprender o proceso de invasión de X. securis nas Rías Baixas de Galicia, así como a estimar o seu potencial de dispersión e por tanto os seus efectos sobre o ecosistema.

Ante estas deficiencias, Agar Montes, dirixida por Elsa Vázquez e Celia Olabarria, está a desenvolver a súa tese doutoral (Determinación do potencial de dispersión do mexilón invasor  Xenostrobus securis (Lamarck, 1819) nas Rías Baixas de Galicia (NO Peninsula Ibérica): factores de pre- e post-asentamento) co obxectivo principal de determinar o desenvolvemento larvario de X. securis e os factores que afectan sobre él, especialmente a temperatura e a salinidade, así como estudar a distribución larvaria da especie nas Rías Baixas de Galicia.
Durante esta conferencia Agar centraráse na metodoloxía e resultados de varios experimentos que complementan o seu traballo de tese, que foron principalmente o uso de anticorpos monoclonales para a identificación de larvas de X. securis.
Para máis información sobre o contido desta conferencia pode visitar o noso blogue.
Ver programa completo do Programa de Presentacións Científicas Café con Sal.

Ver cartel da presentación de Agar Montes.

Esperámosvos na ECIMAT.