Dende os comezos da revolución industrial ata a actualidade as actividades humanas liberaron a atmosfera gran cantidade de gases de efecto invernadoiro, sendo o mais reseñable de todos o dióxido de carbono, CO2. O quecemento global é unha das consecuencias do aumento da concentración do CO2 na atmosfera pero non é a única. Os océanos, a través da súa capa mais superficial, funcionan como sumidoiros deste CO2 atmosférico chegando a absorber gran parte deste excedente gaseoso. Cando o CO2 disolvese nos océanos prodúcense uns cambios nos equilibrios químicos da auga do mar que resultan nun descenso do pH. Este proceso, que está a ocorrer xa na actualidade, coñecese polo nome de Acidificación Oceánica. Estímase que a finais deste século a baixada de pH, acidificación, pode ir dende as 0,3 ata as 0,7 unidades podendo ter graves efectos sobre os ecosistemas mariños, os seus organismos e as relacións que se establecen entre eles e co medio. As bacterias heterotróficas dos océanos son unha parte moi importante destes ecosistemas mariños xa que son as encargadas de reciclar toda a materia orgánica producida polos outros organismos e permitir así que se volvan a empregar estes nutrientes na cadea trófica dos océanos.
O estudante de doutoramento Antonio Fuentes Lema, dirixido pola Dr. Cristina Sobrino García, ambos pertencentes ao Grupo de Oceanografía Biolóxica da Universidade de Vigo e a agrupación Océano-ECIMAT, coa colaboración de investigadores do Instituto Español de Oceanografía, o Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e o Instituto de Ciencias Marinas de Andalucía-CSIC, realizaron un estudo co obxectivo de coñecer as respostas das comunidades bacterianas da Ría de Vigo e a súa relación coas comunidades fitoplantonicas por medio da materia orgánica que estas producen ante o futuro escenario de acidificación oceánica.
Os experimentos tiveron lugar na ECIMAT e consistiron en incubacións de mostras de auga de mar da Ría de Vigo nos mesocosmos que posúe a ECIMAT ao aire libre. Na metade dos tanques simuláronse as condicións de acidificación oceánica agardadas para finais do presente século mediante a aireación dos cultivos cunha mixtura de aire atmosférico e gas CO2 comercial. Na outra metade dos cultivos so se aireou con aire atmosférico co fin de simular as condicións actuais dos océanos. A maiores realizáronse incubacións das bacterias heterotróficas nas instalacións isotérmicas da ECIMAT, mantendo así condicións de escuridade e temperatura constante e controlada. Do mesmo xeito que no caso do fitoplancto, a metade das unidades experimentais foron aireadas coa mestura de aire e CO2 e a outra metade so con aire atmosférico. Por último e moi importante, a todos os cultivos bacterianos engadíronse os inoculos de materia orgánica acidificada e non acidificada acadada nas incubacións do fitoplancto descritas previamente. Durante o experimento fíxose un seguimento da evolución das comunidades bacterianas e da materia orgánica producida polo fitoplancto.
Como resultado observouse que as bacterias da Ría de Vigo non responderon directamente aos efectos da acidificación oceánica, porque no experimento realizado constatouse que as bacterias foron indiferentes as diferentes condicións de pH nas que se incubaron. Sen embargo, as bacterias si que responderon de xeito diferente ante a adicción da materia orgánica que foi producida polo fitoplancto en condicións de pH semellantes ao escenario agardado de acidificación oceánica. Observouse que na metade do transcurso das incubacións, as bacterias medraron en maior numero cando estas empregaban como sustento a materia orgánica producida en ambientes ácidos. Pola contra nos últimos intres do experimento a produción destas bacterias foi maior cando se realizaron incubacións onde se engadiu materia orgánica producida baixo niveis normais de pH. Polo tanto, nun escenario futuro de acidificación, a poboación bacteriana sería menor a medida que transcorre o tempo.
Os investigadores resaltan con estes resultados que as bacterias da Ría de Vigo non responderían directamente ante os efectos da acidificación oceánica que podería acontecer na Ría de Vigo a finais de século, sen embargo existen outras vías de interacción a nivel de ecosistema entre diferentes organismos e as súas relacións que asemellan producir efectos dun xeito indirecto nas comunidades bacterianas. Este estudo presentase como o primeiro de moitos xa que é importante coñecer mais a fondo a resposta destas interaccións ante as novas ameazas que están por vir.
Este estudo contextualizase dentro da tese do estudante Antonio Fuentes Lema, quen intenta dar resposta a cómo o incremento da radiación ultravioleta que acada a superficie do mar e o aumento da concentración do CO2 na atmosfera xogan un papel moi importante nas comunidades planctonicas dos océanos abertos e dos ambientes costeiros.
Para saber mais visite o noso blog.