Aínda que abriu as súas portas en xuño de 2006, o xermolo da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, remóntase ao ano 1999, cando o entón vicerreitor de Investigación e hoxe reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, fixo súa a demanda dun grupo de investigadores e investigadoras que solicitaban dispor de instalacións científicas a pé de mar. O actual director da Ecimat, Jesús Souza Troncoso, foi o encargado este venres, no acto conmemorativo do décimo aniversario da estación, de lembrar as súas orixes e a súa evolución ata o momento presente, así como de fixar os retos de futuro aos que se enfronta o centro de investigación mariña. Pero máis aló dos recordos e do que está por chegar, o acto de celebración de, en palabras de Souza, “10 anos de vocación mariña”, estivo protagonizado pola sinatura por parte dos reitores das universidades de Vigo e do País Vasco do convenio para a constitución do nodo español do European Marine Biological Resource Centre, EMBRC, unha das 38 infraestruturas de investigación identificadas pola Comisión Europea como estratéxicas para Europa, que centra a súa actividade na biotecnoloxía azul, disciplina que se ocupa da exploración e explotación dos organismos mariños, co obxectivo de empregar estes e os seus derivados para a identificación, procesamento e desenvolvemento de novos principios activos de orixe mariño.
Coa sinatura do convenio subscrito hoxe por Salustiano Mato e Iñaki Goirizelaia créase a estrutura que representa a España en EMBRC, integrada pola Ecimat e a Estación Marina de Plentzia da UPV/EHU e á que se suman centros de investigación mariña doutros nove países europeos. “Este nodo faranos máis visibles e apetecibles para os investigadores que queiran vir aquí e tamén para que o noso persoal investigador vaia a calquera lugar”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, que manifestou o seu convencemento en que “nos agarda un futuro prometedor”. Pola súa banda, o reitor da UPV/EHU destacou a importancia do convenio asinado hoxe “que establece un marco de traballo e abre grandes posibilidades en tres dimensións: a investigación, a docencia e a transferencia”, dixo Goirizelaia. Á sinatura do convenio seguiulle o descubrimento dunha placa que identifica á Ecimat como integrante como nodo español do EMBRC.
A #actitudecimat segundo Jesús Souza Troncoso
Tras lembrar a xénese do proxecto e a súa evolución ata converterse nunha realidade, o director da Ecimat referiuse á colaboración que desde o ano 2000, a raíz do estudo dos efectos da marea do Prestige, manteñen as universidades de Vigo e do País Vasco, colaboración reforzada no ano 2013 ao ser invitadas cadansúa estación mariña a participar como membros asociados do EMBRC. “Ademais dos importantes beneficios para os nosos ecosistemas de coñecemento, a participación dos nosos centros en grandes infraestruturas de investigación europeas representa unha grande oportunidade para garantir a súa sostibilidade futura, xa que nos permitirá acceder a consorcios en proxectos internacionais e a fontes de financiamento ás que doutro xeito non poderíamos aspirar”, dixo Souza Troncoso, que agradeceu a colaboración prestada durante estes anos por administracións locais, autonómicas, nacionais e internacionais. Un respaldo que o director da Ecimat demandou que se manteña no futuro para que a estación mariña da Universidade de Vigo poda acadar os seus obxectivos, que pasan, entre outros, por dispoñer de mellor capital humano, promover a excelencia investigadora mediante a formación continua do persoal técnico e investigador, a especialización na prestación de servizos de alto valor para a investigación e o investimento en novas instalacións, que amplíen a capacidade actual da Ecimat.
Especial fincapé fixo Souza Troncoso ao referirse á importancia do capital humano, asegurando que a estación “tivo moita sorte, o compromiso do seu persoal é total e o convencemento de que sempre se pode facer mellor, foi o elemento clave á hora de percorrer este camiño. Nós chamámolo #actitudecimat, en liña co hashtag corporativo #actitudeuvigo e podería resumirse como mellora continua e vocación de servizo aos investigadores e investigadoras mariños”, explicou o director da estación, que incidiu en que a resposta a gran parte dos desafíos aos que se enfronta a sociedade actual, como o cambio climático ou as enerxías limpas, están nos mares e polo tanto a investigación mariña é unha prioridade, e máis nunha rexión como Galicia.
Avanzando vento en popa nun mar de turbulencias
Ás intervencións de Laura Yuste, representante da Secretaría de Estado do MINECO e Jaime Aneiros, concelleiro de Orzamentos e Facenda do Concello de Vigo, seguiu a do reitor da Universidad do País, que iniciou o seu discurso en galego para felicitar á Ecimat polo seu décimo aniversario e incidir na importancia do convenio asinado hoxe. “De Noruega a Creta o mapa do EMBRC reflicte unha ringleira de puntos que traballan de xeito coordinado e que en España conta con dous representantes, un no Cantábrico oriental e outro ao sur de Galicia, ao longo dos máis de 8000 quilómetros de costa do país”, dixo Goirizelaia.
Tras agradecer o traballo desenvolvido ao longo desta década polo persoal e a dirección da Ecimat, o reitor da Universidade de Vigo asegurou sentirse orgulloso dos investigadores e investigadoras que traballan na estación e lamentou “as grandes feridas” inflixidas nos últimos anos de crise no proceso de captación e retención de talento. “Cando pase a crise, que algúns empregaron como escusa para asestar unhas puñaladas tremendas, teremos un futuro mellor”, vaticinou o reitor, que se amosou convencido que de “avanzaremos vento en popa neste mar de turbulencias”.
Fonte: duvi