A campaña BOCATS estudará por primeira vez no Atlántico Norte o balance do ciclo de carbono analizando tamén os sedimentos

sarmiento

O progresivo incremento nos niveis de dióxido de carbono atmosféricos desde o inicio da era industrial, repercute tamén nas augas oceánicas superficiais ao absorber estas parte dese CO2 antrópico. Se por unha banda, os océanos contribúen a mitigar o quecemento global ao captar parte dese dióxido de carbono atmosférico, pola outra, o mar se está a acidificar porque cada vez hai máis CO2 disolto, o que ocasiona efectos negativos para organismos con cachos, esqueletos, cunchas, etc. carbonatados, especies algunhas delas de interese económico. Estes efectos descritos en numerosos traballos científicos ocorren na columna de auga, pero que sucede nos fondos nos que se acumula unha parte do carbono “secuestrado” polos organismos, como tamén o fan o resto de cachos ou esqueletos, en forma de carbonato cálcico, cando os organismos morren? “Aí é onde estriba a importancia dos sedimentos, porque neles podemos medir canto carbono orgánico e carbonato conteñen e podemos medir como foi cambiando a súa concentración ao longo do tempo, mesmo uns cantos séculos. É dicir, podemos medir a concentración que había antes da era industrial e canto foi variando ao longo desta, ata os nosos días”. Así explica Guillermo Francés, docente e investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio da Universidade de Vigo, a importancia de, á hora de calcular fluxos do ciclo do carbono, non restrinxirse unicamente á columna de auga, como ocorre na maioría de estudos realizados, senón introducir no cálculo a parte que “aínda minoritaria, non é desprezable”, vai aos sedimentos ou, eventualmente, que os sedimentos están a devolver ao océano.

Aínda que, como detalla Francés, “os sedimentos permiten facer estimacións sobre a produtividade primaria e a circulación de masas de auga (os dous grandes grupos de variables que interveñen no ciclo do carbono) no pasado recente, e ademais, para os tempos actuais, permiten relacionar as concentracións no sedimento máis superficial co que está a ocorrer a diferentes profundidades da columna de auga”, o estudo integral, que ademais da columna de auga considera tamén os sedimentos, é algo absolutamente novo, cando menos no Atlántico Norte. De aí a importancia da campaña BOCATS que este venres 17 de xuño comeza e que se prolongará ata principios de agosto e na que persoal investigador e técnico da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo e Ifremer navegará a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa de Vigo a Reikiavik. Durante ese período os investigadores e investigadoras, así como o persoal técnico, tomarán medidas de diversas variables oceanográficas en aproximadamente 126 puntos ao longo dun transecto do Atlántico Norte comprendido entre Vigo e Groenlandia (sección OVIDE), para a continuación navegar cara ao sur ata a dorsal de Reykjanes e continuar o transecto (sección RREX) seguindo a orientación desta cordilleira submarina ata finalizar en Islandia.

Investigadores da Universidade centrados no estudo dos sedimentos

Xunto a Guillermo Francés, Irene Alejo, Víctor Pelayo e Susa Álvarez completan a representación da Universidade de Vigo na campaña BOCATS, que se desenvolve no marco do proxecto do mesmo nome, acrónimo de Biennial Observation of Carbon, Acidification,Transport and Sedimentation in the North Atlantic, Observación bienal do carbono, acidificación, transporte e sedimentación no Atlántico Norte, un proxecto financiado polo MINECO con máis de 158.000 euros (sen incluír a campaña) e que lidera o investigador do Departamento de Oceanografía do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo Fiz Fernández.

“A campaña BOATS ten como obxectivo avaliar os transportes de auga, sal, calor, carbono natural e antropoxénico, outros trazadores bioxeoquímicos e determinar os fluxos de carbono entre a columna de auga e o sedimento do fondo oceánico”, detalla Guillermo Francés en relación coa campaña, que no caso dos investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo se concreta no estudo dos sedimentos do fondo oceánico co fin de establecer cambios a escala centenaria da velocidade das correntes de fondo e taxas de acumulación de carbonato cálcico e de carbono orgánico. “A vantaxe deste estudio consiste en que os datos sedimentarios serán adquiridos nos mesmos puntos en que se caracterice a auga de fondo, polo que nos permitirá establecer relacións entre o rexistro sedimentario actual e as propiedades físico-químicas da masa de auga en contacto directamente co fondo”, destaca o investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio.

No caso da sección OVIDE existen medidas da columna de auga repetidas cada dous anos desde 2002, pero esta será a primeira vez que se leve a cabo a análise integral da columna de auga e sedimentos. Pola súa banda, a columna da auga da sección RREX mediuse por primeira vez o ano pasado, pero nesa ocasión non se mediron sedimentos. “Ata onde lembramos tanto Fiz Fernández coma min, non coñecemos ningún estudo deste tipo nunha zona tan extensa do océano, con tantos puntos de medida, a profundidades diversas e en diferentes masas de auga de fondo. Ben é certo que se fixo algo parecido nalgúns sectores moi restrinxidos, pero nada que ver que co que nós propoñemos”, explica Guillermo Francés.

Fonte DUVI