O pasado xoves 7 de abril, Estefanía Paredes, doutora pola Universidade de Vigo e investigadora posdoutoral da Universidade de Tenneesse, presentou, dentro do VI Programa Café con Sal, os primeiros pasos cara á criopreservación de peixe cebra.
Tal como explicou Estefanía Paredes, “chámase Vitrificación á criopreservación que usa taxas de conxelación rápidas, normalmente sobre 50,000°C/min. Cando a taxa de conxelación é tan alta, a auga conxélase sen formar cristais de xeo, no seu lugar fórmase un sólido amorfo non-cristalino. Ata hai pouco pensábase que para unha vitrificación exitosa era crítico ter unha taxa de conxelación moi rápida e unha alta concentración de substancias crioprotectoras”. Desde o laboratorio de criopreservación teórica e aplicada de Peter Mazur, na Universidade de Tennessee, estívose estudando a vitrificación de forma detallada e os resultados obtidos contradín a visión establecida en varios aspectos, establecendo unha novo paradigma sobre a vitrificación.
O Mazur´s lab, onde Estefanía Paredes está a desenvolver a súa investigación postdoctoral, estudou a aplicación dos novos coñecementos sobre vitrificación de embrións e ovocitos de rato a outros organismos modelo que non foron criopreservados ata o momento ou cuxa supervivencia é limitada. Entre eles: os embrións de peixe zebra, esperma de rato, levaduras ou microalgas.
“Avanzouse moito no entendemento de como afecta a criopreservación aos ovos ou embrións de teleósteo. A maioría dos experimentos realizáronse co modelo máis aceptado de vertebrado, o peixe cebra. Ata o momento houbo algúns éxitos en relación coa criopreservación de esperma de peces. Con todo, non se conseguiu a criopreservación de ovos ou embrións de peixe ata o día de hoxe”, afirma Estefanía. Os estudos de Estefanía Paredes sobre a resistencia á deshidratación dos embrións de peixe zebra así como os cálculos de velocidades de desconxelación no embrión supoñen un paso cara a adiante na aplicación de técnicas de vitrificación para o futuro desenvolvemento de protocolos de criopreservación en embrións de teleósteo.
Para máis información visite o noso blogue: