A poboación atlántica de pescada recupérase dos efectos da sobrepesca

Cuellar pescada

Desde os seus inicios a xestión da industria pesqueira non foi deseñada de maneira sostible e hoxe en día a maioría das especies mariñas comerciais están sobreexplotadas. Fronte a esta realidade, de sobra coñecida, as autoridades europeas foron adoptando diferentes medidas para garantir a explotación responsable dos recursos mariños e pór fin aos problemas de sobrepesca nas augas europeas. O camiño iniciouse hai xa uns anos e os resultados das diferentes medidas adoptadas comezan a palparse, a poboación atlántica de pescada estase a recuperar dos efectos da sobrepesca e, tras acadar un índice mínimo en 2004 con 300 reprodutores no Caladeiro Noroeste da península Ibérica, esta cifra multiplicouse ata acadar na actualidade os 5000 reprodutores efectivos, “é dicir, 5000 individuos que realmente contribúen cos seus xenes á seguinte xeración”, explica José Cuéllar, investigador do Laboratorio de Recursos Xenéticos Mariños, autor dunha tese de doutoramento na que aplicou os marcadores xenéticos para afondar no estudo do stock pesqueiro e na avaliación dos efectos da sobrepesca sobre a estrutura e tamaño efectivo das diferentes poboacións.

No caso da pescada europea, ao longo da última década implementáronse diferentes medidas para frear o deterioro e fomentar a súa recuperación. Co fin de avaliar a evolución da diversidade molecular fronte aos procesos de sobreexplotación desta especie, o equipo de investigadores e investigadoras deste laboratorio vigués analizou varios marcadores moleculares en diferentes series temporais (1976, 2000-2005 e 2007) e comparou estes datos coa situación actual. Os resultados non deixan lugar a dúbidas, a poboación estase recuperando e as principais medidas que contribuíron a esta mellora foron “o aumento do ollo da malla nas artes de pesca e a diminución das cotas de pesca”, explica o autor da tese, que fai fincapé en que os datos xenéticos da pesquería sur tamén están de acordo co modelo de conectividade demográfica en todo o Atlántico proposto por este laboratorio e cuxo foco de radiación sitúa as principais zonas de desove no Porcupine Bank (a uns 200 quilómetros do noroeste de Irlanda) e no Gran Sol, unha zona que destaca pola súa riqueza pesqueira, especialmente no que a pescada se refire.

Toda esta información xenética recollida na tese de doutoramento de Cuéllar acerca da estrutura xenética poboacional da pescada europea permite entender mellor as limitacións dos modelos demográficos e, á súa vez, é clave para avaliar os riscos de extinción por factores xenéticos, permitindo incorporar criterios de estruturación e diversidade xenética na xestión e, desta forma, “prever o deterioro das características físicas desta especie e garantir, polo tanto, a súa sustentabilidade e a das especies dependentes”, recalca Cuéllar, que pon como exemplo destas especies dependentes a anchoveta e o calamar “que son as principais especies das que se alimenta a pescada”, recalca o investigador.

Bacallau e a platuxa americana, entre as especies máis explotadas

Unha das principais observacións do traballo, dirixido polos investigadores Pablo Presa e Alfonso Pita, é que, independentemente da variación na diversidade xenética, o desgaste das características físicas como a idade e o tamaño medio de madurez en especies intensamente explotadas, como o bacallau e a platuxa americana, é moi elevada. “Hipoteticamente o deterioro das características físicas podería ser un subproduto da sobrepesca sen consecuencias para a diversidade xenética. Non obstante, outro escenario plausible sería aquel no que as características xenéticas e físicas da poboación foron erosionadas ata tal punto que non é posible recuperar a diversidade que tiñan antes de comezar a explotación”, explica o autor da tese, que destaca o feito de que, polo momento, cun volume de información dispoñible sobre a evolución temporal da diversidade xenética das especies sobreexplotadas aínda moi baixo, non se observou unha erosión xenética paralela a demográfica, feito que achacan a que o tamaño xenético efectivo das pesquerías non diminuíu por debaixo do límite inferior de precaución.

A investigación desenvolta tamén permite medir canto e cando se produciu a maior perda de caracteres físicos das especies explotadas e canto potencial se perdeu neses caracteres nos últimos cen anos, tanto nas poboacións naturais como potencialmente para a súa futura explotación en acuicultura. “Por exemplo, entre 1985 e 1997 erosionouse o 15% da talla e o 25% da idade de madurez do bacallau no mar Báltico”, recalca Cuéllar, ao tempo que explica que os cambios máis importantes se produciron entre 1970 e 1980, momento no que a pesca industrial comezou a impactar significativamente nos bancos pesqueiros, “co aumento da potencia dos motores, o incremento do esforzo pesqueiro e os grandes buques factoría”.

De Colombia a Vigo para especializarse en Bioloxía Mariña

Colombiano de nacemento, José Andrés Cuéllar (1983) desprazouse a Galicia a comezos de 2011 para estudar o Máster en Bioloxía Mariña da Universidade de Vigo. “Escollín esta Universidade e este mestrado en particular por diferentes razóns, pero algunha das que máis pesou foi as oportunidades que se dan ao alumnado e as oportunidades para facer prácticas en empresas e centros de investigación”, explica o investigador, quen, tras defender a tese, agarda poder realizar unha estadía de posdoutoramento en Canadá ou Noruega.

Cuellar

Fonte: Duvi