O mexillón pigmeo de Nova Zelandia despraza á especie nativa no interior das rías de Vigo e Pontevedra

xenostrobus

Na parte máis interna da ría de Vigo e da ría de Pontevedra, o Mytilus galloprovincialis adoitaba ser a única especie de mexillón. Dende a introdución do mexillón pigmeo de Nova Zelandia (Xenostrobus securis) a especie nativa semella estar sendo desprazada nas partes internas destas rías. Este escenario é o que estuda Ignacio Gestoso na súa tese de doutoramento, baixo a tutela da profesora Celia Olabarria, da Universidade de Vigo, e a cotutela de Francisco Arenas, do Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental, da Universidade de Porto. A investigación ten como oxectivo final avaliar a distribución e os mecanismos de invasión do mexillón X. securis, así como o impacto que ten o establecemento desta especie sobre a fauna bentónica asociada ás piñas de mexillóns.

Os resultados amosan que o X. securis está estendéndose tanto na ría de Vigo como na de Pontevedra, aínda que polo momento as maiores abundancias concéntranse na parte interna de ambas rías e diminúen notablemente co incremento en salinidade cara a parte media das rías. Gestoso explica que “o proxecto abarcou dende mostraxes e monitoreo nas rías, ata experimentos de manipulación tanto na costa coma no laboratorio”. Estes traballos incluíron un período de estadía de tres meses nas instalacións do CIIMAR en Porto, que permitiron levar a cabo parte dos estudos experimentais relacionados cos efectos do cambio climático.

Os motivos da expansión

A tese de Gestoso documenta o proceso de invasión de X. securis nas Rías Baixas co obxectivo de obter unha visión xeral dos cambios que están a ocorrer na comunidade residente pola introdución desta especie foránea. Coa combinación das observacións feitas no medio e os experimentos de manipulación tanto na costa como no laboratorio, acadouse un coñecemento aproximado do momento actual do proceso de invasión, os seus impactos na comunidade nativa e as posibles tendencias nun futuro escenario de cambio climático. O investigador apunta á salinidade como factor principal para que o mexillón invasor se atope principalmente nas zonas interiores das rías, xa que “determina en maior medida o patrón de abundancia da especie nas rías”. Pero o establecemento de agrupacións ou piñas do mexillón pigmeo na parte interna das rías “está a provocar cambios no hábitat bentónico do intermareal rochoso, causando variacións nas abundancias das especies dominantes”. O investigador destaca ademais que a diferente actividade biolóxica do mexillón invasor, como por exemplo diferentes taxas de filtración, “pode que estean a promover cambios nas capas biosedimentarias, que poderían afectar indirectamente a fauna que habita no sedimento”.

Outro dos efectos desta invasión é que os depredadores teñen certa preferencia polo mexillón nativo. Gestoso explica que se atoparon evidencias que suxiren que “a presenza de abundantes poboacións do mexillón nativo na parte máis interna das rías podería favorecer á supervivencia dos individuos do mexillón invasor ao compensar parcialmente o efecto negativo dos depredadores”, é dicir, que a especia galega estaría a permitir un maior éxito no establecemento das poboacións alóctonas nas rías. Ademais, o investigador engade que os traballos feitos cun depredador clave no sistema como é a corna (Nucella lapillus) parecen indicar maiores consumos sobre o mexillón nativo, o que podería contribuír tamén indirectamente ao éxito da invasión.

A especie invasora, máis resilente fronte ao cambio climático

Outro dos obxectivos principais da tese de Ignacio Gestoso é explorar futuros escenarios nos que o cambio climático podería influír no proceso de invasión desta especie. Os traballos experimentais que realizou amosaron que os cambios na temperatura e no pH da auga do mar como consecuencia do cambio climático de orixe antropoxénico, “poden alterar a resposta dos mexillóns tanto a nivel individual como de poboación”. Ambas especies estudadas responderon de forma diferente a estes cambios, tendo en xeral o invasor unha maior resiliencia que o nativo M. galloprovincialis aos cambios na temperatura e/ou no pH. Así, explica o científico, “nun futuro escenario de cambio climático, X. securis podería ter algunha vantaxe fisiolóxica que lle permitiría chegar a ser progresivamente máis dominante sobre M. galloprovincialis na área invadida”.

Futuras liñas de acción

A partir dos traballos realizados por Ignacio Gestoso neste eido, ábrense unha serie de futuras liñas de acción e investigación. O científico destaca especialmente a necesidade de levar a cabo “un programa de monitorización das poboacións de ambas especies de mexillóns, polo menos nas Rías Baixas de Galicia, realizando mostraxes espazo-temporais, é dicir, en diferentes puntos ao longo da liña de costa e ao longo do tempo”. Subliña que sería importante conseguir unha maior interacción entre os investigadores e os diferentes sectores ou actividades socioeconómicas que poden verse afectadas, como ferramenta clave para poder adoptar as medidas de xestión efectivas tanto neste caso, como noutras problemáticas ambientais.