Un proxecto de país posicionado no mercado europeo. Unha alianza estratéxica na que converxen os catro campus de excelencia españois que traballan no eido mariño e marítimo. Unha oportunidade de futuro que abre portas de crecemento nun momento complicado para a economía mundial. Unha proposta, ao fin, que busca sinerxías, optimización de recursos e posta en valor do coñecemento do mar, no que son punteiras 14 universidades españolas. Estas son as finalidades da rede CEI.MarNet na que converxen o Campus do Mar (universidades de Vigo, Santiago e A Coruña), Campus Mare Nostrum (universidades de Murcia e Politécnica de Cartagena), Campus Atlántico Tricontinental (universidades de Las Palmas e La Laguna) e CEIMAR (universidades de Cádiz, Málaga, Huelva, Almería e Granada). Tras un ano de traballo dende a súa posta en marcha en Cádiz en xaneiro de 2012, este xoves celebrouse en Vigo a reunión constitutiva na que se elixiu o Consello Reitor da rede, que terá ao reitor vigués, Salustiano Mato á cabeza, e ao director do Campus do Mar, Emilio Fernández, como responsable da coordinación xeral da rede.
Xunto con Mato, Eduardo González Mazo, reitor da Universidad de Cádiz; José Antonio Franco, reitor da Universidad Politécnica de Cartagena; José Regidor, reitor da Universidad de Las Palmas; e José Antonio Cobacho, reitor da Universidad de Murcia mantiveron unha xuntanza inicial á que asistiron tamén Carmen Vela, secretaria de Estado de Investigación, Desarrollo e Innovación e José Alberto Díez de Castro, secretario xeral de Universidades. Segundo explicaron en rolda de prensa, CEI.MarNet é unha parcería que busca articular a proxección internacional destes campus de excelencia, promover o proceso de colaboración e aprendizaxe mutuo entre as institucións que o compoñen e establecer unha programación de accións conxuntas. 10.000 investigadores forman parte desta nova rede que, segundo indicou Salustiano Mato, “terá unha presidencia rotatoria bianual” e arrancará a vindeira semana cunha xuntanza tamén Vigo dos directores dos catro campus de excelencia para poñer en marcha accións concretas xa en cernes.
Apoio da Xunta e do Ministerio
Sobre a presenza da secretaria de estado de Investigación, Carmen Vela, Salustiano Mato explicou que serviu para establecer unha alianza estratéxica co Ministerio Economía e Competitividade co obxectivo de que “a rede sexa o referente para o ministerio en todos os ámbitos que se van despregar no Plan Nacional de Investigación e Innovación no campo mariño e marítimo”. A reunión serviu tamén para avanzar no establecemento dunha estratexia para que a rede e o seu potencial investigador poida ser o músculo que permita á península ibérica ser líder do movemento do eixo mariño, promovéndoo como eixo de crecemento para Europa en tempos de crise. Isto trasládase de xeito concreto a medidas como a presenza de CEI.MarNet en comisións relevantes do Mineco no ámbito mariño, entre elas, como avanzou o reitor de Cádiz, Eduardo González Mazo, “na optimización do uso dos buques oceanográficos tanto para a investigación como para a docencia” e na posta en marcha de varios programas conxuntos de doutoramento e máster.
Pola súa banda, o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, fixo fincapé no papel dos propios campus de excelencia e subliñou que “termos que á forza de repetilos semellan convertesen en algo sen valor, como especialización, sinerxías, cooperación, visibilidade ou internacionalización, poder mudar en algo tanxible a través dos CEI”. Engadiu Díez de Castro que os campus de excelencia marcan tamén o camiño de especialización que deben seguir as universidades e os seus campus e subliñou que se deben ter en conta como “chaves para saír da crise, incrementando o nivel de vida, creando postos de traballo e achegando valor engadido para a contorna socioeconómica, algo polo que temos que felicitar ás universidades”. Rematou subliñando que o apoio da Xunta de Galicia aos CEI tradúcese por unha banda en convocatorias específicas de posgrao e na incorporación no vixente Plan de Financiamento dun indicador vinculado ao nivel de recoñecemento dos CEI que neste 2013 permitirá repartir 4,5 millóns de euros, cantidade que se verá dobrada en 2015.
Aprobación do documento operativo
Nesta reunión aprobouse o documento operativo de CEI.MarNet que contempla oito grupos de traballo, cada un deles coordinados por un campus de excelencia: Proxectos estratéxicos de I+D (CEI Atlántico Tricontinental); Coordinación de infraestruturas de I+D (CEIMAR); Programas de doutoramento (Campus do Mar); Coordinación de mestrados (CEIMAR); Transferencia de Tecnoloxía (Campus Mare Nostrum); Empregabilidade (Campus do Mar); Internacionalización (Campus Mare Nostrum) e Divulgación e proxección social (CEI Atlántico Tricontinental). A masa crítica de investigadores abrangue un amplo abano de estudos sobre o mar, dende a navegación ou a construción naval ata a acuicultura, a xestión litoral, o coñecemento do patrimonio ou a busca de novas fontes de enerxía. O intercambio de docentes e investigadores, posta en marcha de programas académicos conxuntos e captación de recursos de forma conxunta, son outras vantaxes das que se falou.
Os cinco reitores coincidiron en subliñar a importancia que ten a constitución desta rede xa que pon en valor a especialización e as singularidades destas 14 universidades no eido mariño. Tamén quixeron destacar o papel que teñen as universidades públicas no sistema de ciencia e investigación español e demandaron apoio para “para facernos valer en Europa”, en palabras do reitor de Murcia, que engadiu que a intención é ampliar a rede no futuro a organismos como CSIC ou IEO.
Fonte DUVI