Un ano máis, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) convida á cidadanía a coñecer de preto a ciencia mariña que se desenvolve nos seus laboratorios a través das Xornadas de Portas Abertas que terán lugar os vindeiros 8 e 9 de novembro na zona de A Laxe de Vigo. O obxectivo desta iniciativa é achegar o traballo do persoal investigador a persoas de todas as idades dun xeito lúdico, creativo e de acceso libre. Co apoio da Xunta de Galicia e a Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, o CIM deseñou un programa que inclúe unha feira científica no centro comercial A Laxe, visitas guiadas ao observatorio Nautilus, un xogo interactivo e un escape room virtual o venres e un paseo en barco e visita á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) o sábado. Con estas Xornadas de Portas Abertas, o CIM reforza o seu compromiso coa divulgación científica e a educación ambiental, promovendo o coñecemento e a concienciación sobre a importancia dos océanos e a sustentabilidade. Ao dar visibilidade ao traballo que realiza o seu persoal investigador, o CIM espera tamén inspirar ás novas xeracións e crear futuras vocacións científicas.
Coñece o CIM na rúa
O venres 8 de novembro, en horario de 17:00 a 20:30 no Centro Comercial A Laxe, haberá unha serie de obradoiros de diferentes temáticas de investigación mariña baixo o título “Coñece o CIM na rúa. As actividades serán de libre acceso para un público familiar e non é preciso inscribirse. Simultaneamente, en colaboración coa Autoridade Portuaria de Vigo (APV), persoal do CIM ofrecerá as persoas interesadas visitas guiadas á instalación permanente e visor subacuático “Nautilus” que a APV ten xunto ao Centro Comercial. As visitas serán de 16 a 18 horas e requerirán inscrición previa na web cienciasingular.gal.
Como novidade, este ano organizamos un xogo ao aire libre na praza do Nadador de A Laxe. Baixo o nome de Aquamission, poderase explorar o fascinante mundo da acuicultura sostible xogando nun taboleiro de grandes dimensións que espertará o interese pola ciencia mariña e a investigación. Ademais, haberá un escape room virtual baseado no mural que o CIM ten xunto coa Autoridade Porturia de Vigo e o Campus do Mar no edificio do Real Club Náutico de Vigo e que permitirá aos que se acheguen coñecer máis sobre a investigación oceánica que se realiza no centro dun xeito lúdico e divulgativo usando o móbil como principal ferramenta.
Embárcate co CIM
Se o tempo o permite, as xornadas de portas abertas do CIM iniciaranse o sábado 9 de novembro con Embárcate co CIM: un paseo divulgativo pola ría no que as persoas participantes, previa inscrición, poderán subirse a un barco-aula para navegar entre o peirao da Laxe e a illa de Toralla. Durante o traxecto desenvolveranse unha serie de actividades de observación, obtención de mostras de sedimento e organismos mariños e explicacións por parte de diversas persoas investigadoras do CIM. Xa na illa levarase a cabo unha visita guiada á Estación de Ciencias Mariñas de Toralla, principal infraestrutura científica do Centro de Investigación Mariña. Alí coñecerán os laboratorios de investigación, as salas de cultivos auxiliares, as instalacións de mesocosmos e a sala de bombas. Haberá dúas quendas: a primeira das 9:00 as 12:00 h e a segunda das 12:00h ás 15:15 h Todas as persoas interesadas deberán inscribirse na web cienciasingular.gal.