Xornada de presentación do programa de intercambio do nodo español de EMBRC-ERIC

Como parte do proxecto EMBRedES+, financiado dentro do programa Redes de Investigación 2022 da Axencia Española de Investigación, a partir do 8 de abril de 2024 abrirase o prazo da primeira convocatoria do programa de intercambio de persoal entre as tres sedes españolas da Infraestrutura Europea de Investigación European Marine Biological Resource Centre (EMBRC-ERIC). O programa terá como obxectivo financiar estancias curtas do persoal de investigación, técnico ou de xestión nunha das institucións do nodo español de EMBRC (a Estación de Ciencias Mariñas de Toralla do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, a Estación Mariña de Plentzia da Universidade do País Vasco e o Banco Español de Algas da Universidade das Palmas de Gran Canaria) para fortalecer e crear colaboracións e mellorar o catálogo de servizos de EMBRC-España.

Con motivo da convocatoria convídase a todo o persoal interesado a asistir ao evento informativo sobre EMBRC-España que se celebrará en liña o día 4 de abril de 2024 ás 10:00 h, hora peninsular. No evento presentaranse as instalacións e servizos de investigación das tres infraestruturas, así como os detalles do programa de intercambio (ver axenda que se achega).

Aquelas persoas interesadas deberán inscribirse no seguinte formulario antes do 2 de abril. Os detalles da conexión enviaranse por correo electrónico aos rexistrados/as os días previos ao evento.

Para máis información, podedes contactar con María Huete, ligazón con EMBRC e xestora de proxectos da rede (maría.huete@uvigo.gal).