HPC for Geophysical Fluid Dynamics 2019

Os días 16 e 17 de outubro o campus de Ourense acollerá a celebración das xornadas HPC for Geophysical Fluid Dynamics 2019. A cita, organizada polo Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) do CIM-UVigo, reunirá a especialistas de diferentes países que usan en investigacións de excelencia HPC (high performance computing) para que presenten os últimos avances na aplicación destas técnicas no desenvolvemento de modelos numéricos para a simulación de fluídos.

O evento, coordinado polos investigadores de Ephyslab José Manuel Domínguez e Orlando García e vinculado ao proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga, conta cun comité científico no que participan investigadores das universidades de Cantabria, A Coruña, Manchester (Reino Unido), Gent (Bélxica) e o Instituto Superior Técnico de Portugal. Nel colaboran, ademais da Facultade de Ciencias e a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, o Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Cesga e a Rede Española de Supercomputación.

Durante as xornadas vanse presentar os últimos avances no desenvolvemento dos modelos numéricos Iber, Dualsphysics e Ihfoam así como aplicacións que só se poden estudar grazas ao uso de HPC. Ephyslab traballa no desenvolvemento dos dous primeiros modelos: Dualsphysics, modelo de simulación de fluídos en 3D que utiliza partículas e que se emprega en simulacións nas que a auga impacta con violencia en estruturas en tres dimensións, como estruturas costeiras, e Iber, modelo empregado para a simulación de inundacións en dúas dimensións, para valorar o alcance e o impacto de fenómenos de transporte en inundacións en zonas como concas de ríos ou de estuarios.

Inscricións e máis información en https://hpc-gfd2019.uvigo.es/es.