Conference “The Ocean Mapping Expedition” and visit to the sailing boat “Fleur de passion”

A Fondation Pacifique, organización sen ánimo de lucro con sede en Xenebra, regresa despois de catro anos e medio de expedición seguindo o ronsel de Magallanes/Elcano, a bordo do veleiro suízo Fleur de Passion. A súa expedición, denominada “ The Ocean Mapping Expedition” combina ciencia, educación e cultura.

A súa campaña serviu para contribuír a unha mellor comprensión do impacto humano sobre o océano e a unha maior concienciación acerca dos obstáculos que este supón para o desenvolvemento sustentable. A Fondation Pacifique, que emana directamente da sociedade civil suíza, levou a cabo diferentes programas e misións de cartografía da contaminación por microplásticos e da contaminación sonora dos océanos, vixilancia dos gases de efecto invernadoiro na superficie, e observación do estado de saúde dos arrecifes de coral, todo iso en colaboración con diversas institucións académicas suízas e internacionais. Cun espírito multidisciplinar e de intercambio de experiencias, o Fleur de Passion contou con 60 adolescentes en proceso de reinserción socioeducativa e con máis de 100 pasaxeiros, así como 20 debuxantes «en residencia» —10 mulleres e 10 homes— que se sucederon a bordo ao longo de toda a travesía.

Visita do veleiro Fleur de Passion a Vigo

De Sevilla a Sevilla, esta expedición quixo facer unha parada en Vigo e convidar a todo aquel que queira saber máis sobre o seu traballo a unha conferencia que terá lugar o próximo día 22 de xullo ás 12.00 h no Auditorio da Facultade de Ciencias do Mar.

A conferencia contará coa presenza de membros da tripulación do veleiro Fleur de Passion, socios colaboradores e protagonistas da expedición, o investigador Jesús Gago do Instituto Español de Oceanografía e José González, Responsable da Unidade de Oceanografía de ECIMAT do Centro de Investigacións Mariña da Universidade de Vigo.

Á conferencia seguiralle unha visita a bordo do veleiro Fleur de Passion de 18 h a 20 h no Monte Real Club de Iates de Baiona. Para asistir á visita é necesario enviar un email, no que se indique nome e apelidos, a Yaiza Santana: yaiza@pacifique.ch

Podedes consultar todos os detalles e descargar a invitación aquí.

Fonte: Campus do Mar

Project funded by the Spanish Ministry of Education within the framework of the Campus of International Excellence program and by the spanish Ministry of Economy and Competitiveness, within the National Plan for Scientific Research, Development and Technological Innovation.