A importancia da zoostera nos bancos marisqueiros

O venres 26 de abril ás 19 horas o investigador do CIM, Salvador Román, ofrecerá unha charla no Edificio Multiusos da Xunqueira en Redondela sobre a importancia da zostera nos bancos marisqueiros. Durante a mesma, ofrecerá unha explicación do papel que xogan as parderías mariñas nas zonas estuarinas, afondando nos beneficios que achegan ás especies comerciais de bivalvos. Ademais, haberá un debate sobre posibles accións de cara a conservar as praderías ao tempo que se desenvolve unha actividade marisqueira sostible.

Este evento forma parte dos máis de 400 que se están a organizar no marco das celebracións do European Maritime Day en toda Europa, que abarcan iniciativas que teñen como fin concienciar sobre a importancia dos océanos. Desta forma, baixo o paraugas desta celebración estase a mostrar e poñer en valor o patrimonio oceánico e marítimo en diferentes países da UE.