Conexión en directo cos investigadores do CIM na Antártida

Queres conversar cos investigadores do CIM que están a traballar na Antártida? Achégate este xoves 1 de febreiro ás 10 horas ao Salón de Actos da Facultade de Ciencias do Mar (Campus de Vigo) para descubrir máis sobre o proxecto RADIANT no que están a traballar os investigadores do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo (CIM) Mariano Lastra, Jesús Troncoso e Jesús López e preguntarlles as túas dúbidas sobre o estudo que están a realizar.

O proxecto Radiant é un dos 30 que foron seleccionados para formar parte da XXXVII Campaña Antártica coordinada polo Exército de Terra. A investigación viguesa céntrase nos depósitos de macroalgas procedentes do substrato rochoso depositadas sobre a liña de costa polas correntes e mareas, que funcionan como xeradores de numerosos procesos ecolóxicos asociados á súa descomposición, incluíndo o consumo, o subministro de hábitat e a actividade bioxeoquímica do sedimento. O obxectivo é cuantificar estes procesos en dez praias ao longo do litoral de Porto Foster e avaliar o seu efecto sobre a liberación de nutrientes e a emisión de CO2 a través do sedimento, como estimador da actividade metabólica do substrato.

Nesta nova estadía están a replicar as mostraxes realizadas o ano pasado, na primeira campaña do proxecto, ao longo do arco da baía e ademais realizan outros dous experimentos, un de manipulación do medio natural e outro en condicións de mesocomos en laboratorio. No primeiro deles, empregaranse filtros selectivos de radiación UVA/B para valorar a hipótese de que o incremento na radiación UV incidente debida á apertura do buraco de ozono provocará alteracións dos procesos de descomposición da biomasa macroalgal acumulada nos intermareais sedimentarios de Porto Foster. O experimento en mesocosmos, pola súa banda, permitirá estudar os efectos da alteración da UVR sobre os consumidores primarios. Para isto analizarase a taxa de consumo do anfípodo herbívoro Gondogeneia antarctica (Chevreux, 1906) sobre fragmentos de dúas especies de macroalgas antárticas, Palmaria decipiens e Desmarestia antárctica, que previamente serán irradiadas con exceso de UVA e UVB.

Non a perdas!